A CNN estrea aplicación para iPad

martes, 14 de decembro do 2010 Marcus Fernández

Os medios de comunicación teñen cada vez máis presente o iPad coma unha pantalla para o consumo de información, especialmente de novas, ao que contribúen en boa medida as aplicacións que van saíndo para cubrir tal demanda coma CNN App for iPad, que incorporouse hoxe mesmo á App Store e trátase dunha aplicación de balde que presenta novas dun xeito moi visual, congregando artigos, fotografías, vídeos e entradas de blogs, facilitando o acceso ás novas segundo a sección na que se publican (nas que figuran os distintos ámbitos internacionais). A navegación a través dos distintos contidos que achega esta nova aplicación da canle televisiva asentada en Atlanta é moi intuitiva e fluída, aínda que o principal atractivo desta aplicación son os seus contidos, que son un claro exemplo do bo facer da CNN á hora de contar o que está a acontecer no mundo.
CNN App for iPad tampouco esquece as redes sociais, e facilita compartir historias a través de Facebook, Twitter e o correo electrónico. Tamén permite gardar novas para a súa lectura posterior fóra de liña e facilita a reprodución de vídeos en directo de novas de última hora e eventos relevantes.
Grazas ao lanzamento desta aplicación, a anteriormente dispoñible aplicación da CNN para o iPhone (que vendíase a 1,99 dólares) pasa a ser de balde.


Presentación en vídeo da nova aplicación para iPad

PUBLICIDADE