A CNMC impón unha multa de máis de 194 millóns de euros a Apple e Amazon

martes, 18 de xullo do 2023 Marcus Fernández

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia vén de establecer en 194.150.000 euros a sanción imposta en total a Amazon e Apple por pactar e executar determinadas restricións da competencia no mercado en liña de Amazon, que afectan a terceiros revendedores de produtos Apple e a produtos competidores de Apple.
A CNMC lembra que o 31 de outubro de 2018 Amazon e Apple asinaron contratos nos que se actualizaban as condicións de Amazon como distribuidor autorizado de Apple, incluíndo cláusulas restritivas da venda minorista pola Internet, como acordar que unicamente unha serie de distribuidores designados pola propia Apple podían vender os produtos da súa marca a través da web de Amazon en España.
Determinouse que máis do 90% dos revendedores que viñan a utilizar Amazon.es para a venda minorista quedaron excluídos do principal mercado en liña de España; os vendedores non autorizados por Apple perderon unha importantes canle de vendas; as vendas de produtos de Apple concentrouse en Amazon (reducindo a competencia entre revendedores); reducíronse as vendas de produtos Apple a través de Amazon.es por parte de vendedores noutros países da Unión Europea; e apreciouse un incremento dos prezos relativos pagados polos consumidores pola compra de produtos Apple en Amazon.es.
O acordo entre Amazon e Apple tamén limitaba a posibilidade de que as marcas competidoras de Apple puidesen adquirir espazos publicitarios en Amazon.es para anunciar os seus produtos cando se realicen buscas de produtos de Apple, así como durante o proceso de compra dos devanditos produtos. Tamén se limitou a publicidade que puidese inducir a consumidores de produtos de Apple a facerse cun produtos da competencia.
A CNMC considera que as cláusulas restrinxen a competencia intramarca e intermarca, constitúen unha infracción única e continuada da Lei de Defensa da Competencia e do Tratado de Funcionamento da Unión Europea, polo que multan a Apple con 143.640.000 euros e a Amazon con 50.510.000 euros.

PUBLICIDADE