A CNMC destaca nun informe que os operadores móbiles maioritarios tiveron que reducir os seus prezos en 2013

xoves, 10 de xullo do 2014 Marcus Fernández

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) quixo deixar clara a importancia do prezo nos servizos de telecomunicación móbiles, polo que elaborou un informe no que fixeron un seguimento das ofertas comerciais entre 2012 e 2013, para visibilizar que os operadores móbiles con maior cota de mercado (Movistar e Vodafone) tiveron que actualizar as súas ofertas para achegalas a niveis semellantes aos dos operadores con menor cota (Yoigo e os OMV) para evitar a perda de clientes rexistrada nos últimos anos. O estudio mide a evolución da oferta comercial dos principais operadores entre 2012 e 2013 no segmento residencia, tanto na oferta de voz e SMS como na banda larga móbil.
A CNMC ve claro que a perda de máis de 6 millóns de liñas móbiles por parte de Movistar e Vodafone nos 2 últimos anos é consecuencia das políticas de prezo, de aí que coas tarifas instauradas o ano pasado o prezo buscase ter un menor impacto á hora de elixir operador.
Os paquetes ofrecidos buscan ter cada vez un prezo inferior (baixaron de media un 40%), especialmente para usuarios cun consumo reducido, á vez que increméntase o tráfico de datos incluído. De feito, a CNMC tamén destaca que na meirande parte dos casos engadir consumos de banda larga móbil aos servizos de voz e SMS non supón un incremento do gasto considerable. Tamén queren destacar que no terceiro trimestre de 2013 máis de 29 millóns de usuarios móbiles tiñan contratado o servizo de banda larga móbil.

PUBLICIDADE