A CNMC aproba a compra de R por parte de Euskaltel

venres, 13 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Eukaltel celebrou onte a súa Xunta Xeral Extraordinaria de Accionistas para autorizar a adquisición de R Cable y Comunicaciones Galicia, S.A. (R) de xeito que o operador éuscaro farase co 100% do capital social de R a través da adquisición do 30% do capital social propiedade de Abanca e do 70% restante de Rede Brigantium, S.L.
A aprobación desta operación supón tamén que Euskaltel ten que ampliar a súa liña de financiamento bancario, para así poder levar a bo termo esta compra que consideran “un activo esencial para a Sociedade, que permitiralle consolidarse como un operador líder en ofertas converxentes nos ámbitos xeográficos nos que opera no norte do Estado”.
Faltaba agora recibir o visto bo das autoridades de Competencia sobre a operación, e hoxe mesmo Euskaltel reciibu a resolución da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia “autorizando a adquisición por parte de Euskaltel do control exclusivo de R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A.”.
Éntrase así na recta final para completar a operación que desvincule totalmente ao operador R do capital galego (agardándose que o 1 de decembro se complete a compra), aínda que dende Euskaltel insisten en que manterán a independencia de operacións de R, mantendo marca e emprego, aínda que está por ver se iso é realmente certo, porque nas mesmas declaracións do director xeral de Euskaltel tamén dise que non haberá subas de prezo, cando hai informacións que apuntan xusto ao contrario.

PUBLICIDADE