A CMT achega máis claves para pórlle remedio á publicidade lixo nos móbiles

xoves, 28 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Un remedio radical: apuntármonos ao concurso de lanzamento de móbiles de Finlandia

Quen teña hoxe en día un teléfono móbil, case todo o mundo, sabe o pesadas que poden chegar a ser as chamadas de publicidade das operadoras. En ocasións, chegan a ser tan esgotadoras, que case dan gañas de apuntarse ao concurso finés de lanzamento de dispositivo, que de seguro que coa carraxe batíamos marcas. Esta práctica de abelloarnos cos seus requirimentos, menos interesantes canto máis chamadas fan, está a achegar unha serie de incógnitas entre a comunidade de usuarios. De onde veñen? Quen fai as chamadas? Como conseguen os datos? A listaxe de preguntas é inmensa, e algunhas delas, a operadora galega R quere ir dándolles resposta ao tempo que lles planta loita, tal e como sinalamos onte. Con todo, hai máis sitios onde obter claves a maiores. Como o blog da CMT, onde se nos ofrece estes días máis información sobre o tema. Para comezar, quen lles achega ás operadoras os nosos datos?
Tal e como nos recordaba R estes días, as empresas adoitan a botarse a culpa unhas a outras desta obtención de información. Pero a cousa está ben clara: tódolos operadores que ofrecen numeración aos seus clientes, tanto de fixo como de móbil, teñen a obriga de achegar os datos dos seus aboados a través do Sistema de Xestión de Datos de Aboados, plataforma desenvolvida pola CMT. Polo tanto, o dito SGDA élles un requirimento, unha esixencia, e á vez, un filón. Neste senso, a CMT non semella moi culpábel. Non podería suprimir o noso número do rexistro nin aínda que llo pedíramos ou nos vira apuntándonos no devandito certame finés. Podería ocultalo en parte, iso si.
O papel da Comisión de Mercado das Telecomunicacións limítase a acadar que os operadores teñan unha plataforma informática para envorcar os seus ficheiros cos datos dos seus clientes, dispoñíbeis para que estas empresas poidan facer guías telefónicas, servizos no 118 ou de emerxencias, directorios, servizos de consulta. E nada máis. As restantes cousas que se poden facer con estes datos son por camiños indirectos. Por exemplo, unha operadora non pode usar estes datos directamente para facer promocións, pero se ve o número nas guías… pois xa se sabe. A pregunta que nos podemos facer é: podemos deixar de saír nas guías ou nos servizos de consulta? Pois segundo informa a CMT si que podemos, solicitándollo á propia Comisión, pero seguiremos figurando dispoñíbeis, de xeito obrigatorio, para os servizos de emerxencias. Así que o remedio é só aplicábel en parte, pero podería servir para que nos deixasen un pouco máis tranquilos. Con todo, hai outra cousa que tamén se pode facer para deixar de recibir publicidade: esixirllo directamente ao noso operador, pedíndolle que o noso número non se empregue con fins comerciais.

PUBLICIDADE