A CIG pon en marcha unha web sobre a folga xeral do 27 de xaneiro

martes, 11 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

A Confederación Intersindical Galega vén de estrear unha páxina web sobre a convocatorio de folga xeral. A proposta en liña, tal e como conta a propia CIG nun comunicado, diríxese a ampliar o radio alcance de toda a información xerada ao abeiro do sindicato galego: obxectivos, actividades a desenvolver, convocatorias, manifestos, etc. Nesta liña, a nova web céntrase polo miúdo na vindeira folga xeral do 27 de xaneiro, repasando as mobilizacións “máis importantes organizadas pola central no contexto da crise económica”. A face en liña é en si mesma un xeito de afrontar o parón produtivo que estamos a vivir.
De feito, pon a disposición dos internautas o material preciso para “entender a actual ofensiva do capital contra a clase obreira”, amais de axudar a desbotar a información que lanzan dende axentes interesados para explicar, na súa versión, a perda de dereitos sociais e laborais.
A web, que se lanza co epígrafe En defensa das pensións e do emprego (o lema da folga xeral do 27), inclúe tamén unha sección de descargas con toda a información xerada pola CIG sobre cuestións como a reforma laboral e das pensións. “Alén disto”, sinala o sindicato, “tamén é posíbel consultar un repaso histórico polas anteriores folgas xerais convocadas polo sindicalismo nacionalista en defensa dos intereses dos traballadores e traballadoras e baixar todo o material editado pola central nos últimos tempos”.

PUBLICIDADE