A CEL achéganos á Internet das Cousas e aos vehículos non tripulados

mércores, 28 de decembro do 2016 Redacción

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) vai centrar a súa vindeira actividade formativa no que se coñece Industria 4.0. Ou sexa, nas tecnoloxías e recursos que nos axudan a ser máis competitivos, rendíbeis, sustentábeis, cooperativos e eficaces (producir máis, mellor e dunha maneira máis acaida con menos esforzo e custes). A oferta formativa de 2017 comezará cun obradoiro de 120 horas que se dirixe a capacitar a uns 20 alumnos en temas ligados á Internet das Cousas e aos vehículos aéreos non tripulados (o curso facilitará o acceso á acreditación precisa para o manexo de drons e RPA). En palabras da Fundación, é fundamental para os profesionais galegos integrarse nas metodoloxías da Industria 4.0 ou fábrica intelixente. Con este tipo de accións formativas a entidade quere facer o posíbel para que as empresas da provincia non fiquen atrás.
O curso Aproximación didáctica á Internet das cousas. Aplicacións e manexo de sistemas non tripulados oriéntase, en palabras da CEL, a “facilitar a autónomos e traballadores de PEME formación actualizada en solucións de industria 4.0”. O seminario, que se impartirá até marzo de 2017, divídese en tres módulos. No primeiro, Aproximación didáctica á Internet das cousas, de 30 horas de duración, abordaranse cuestións como tipos de sensores, fundamentos do procesado de sinal, protocolos de comunicación, tipoloxía e estrutura de redes, sistemas autónomos de tracking e xeolocalización ou fundamentos para a impresión 3D, entre outras.
No segundo, Sensórica e actuadores mecatrónicos. Aplicacións para drons, de 30 horas, os alumnos familiarizaranse co mundo dos RPA e UAV e coa captación e xestión de datos a través deles, entre outras materias. Finalmente, no terceiro módulo, Fundamentos para o manexo de vehículos aéreos non tripulados, de 60 horas, facilitarase formación para o manexo de drons así como información sobre a nova normativa que regula este tipo de vehículos aéreos.
O curso ten un custo total de 300 euros para socios da CEL (400 para non socios), embolsábeis en pago fraccionado (metade coa matrícula e o resto no mes de marzo).

PUBLICIDADE