A CEG e Ineo traballarán ombro con ombro no afianzamento das redes en Galiza

mércores, 19 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

O emprego normalizado das novas tecnoloxías non é a resposta ó problema galego, e cando falamos de “problema” falamos de todos esas cousas grandes e pequenas que nos preocupan: o despoboamento no rural, o baixo poder adquisitivo, a falta de oportunidades, o paro, a degradación do medio, etc. Porén, malia non ser a resposta única e definitiva, a Rede é se cadra o ingrediente preciso para afrontar o reto da modernización do sistema produtivo de Galiza. Así ven á Sociedade da Información (como axente para garantir o medre sostido da nosa terra) a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e máis a Asociación Ineo, que veñen de asinar un acordo para traballar de xeito conxunto na incorporación do país á Rede, e viceversa.
O convenio, asinado por Antonio Fontela e Jorge Cebreiros (presidentes de CEG e Ineo, respectivamente), establece o compromiso das dúas entidades por levar cara a adiante programas de difusión e divulgación da Sociedade do Coñecemento, “así como accións de formación e mellora dos recursos humanos do sector TIC”.
Asemade, grazas ó acordo subscrito, formalizouse a integración da CEG no tecido do consello consultivo de Ineo, establecéndose esta entidade como axente de referencia da Confederación no sector tecnolóxico galego.

PUBLICIDADE