A Biblioteca de Ourense celebra o día 10 un Wikimaratón para encher de mulleres a Galipedia

luns, 5 de marzo do 2018 Redacción

A Biblioteca Pública de Ourense será o epicentro das celebracións previstas para conmemorar o 10 de marzo os quince anos da Wikipedia en galego, a Galipedia. Entre outras cousas, a biblioteca vai acoller un Wikimaratón colectivo dirixido a festexar dúas cousas moi complementarias: por unha banda os tres lustros de vida da enciclopedia libre e dixital galega e, por outra banda, o importante papel que as mulleres despregaron, despregan e despegarán a prol do coñecemento científico, tecnolóxico e cultural. A actividade, enmarcada no programa do Día da Muller, está aberta a toda a cidadanía e, en palabras da comunidade da Galipedia e do Concello de Ourense, quere “pór en valor a figura de mulleres destacadas en diferentes ámbitos que non teñen a merecida referencia na enciclopedia galega en liña”.
Segundo fixo saber na presentación da iniciativa o alcalde ourensán, Xesús Vázquez, “a historia é a que se escrebe, e hai moitas mulleres en perigo de caer no esquecemento sen ninguén que escriba sobre elas; polo tanto parécenos un acto de xustiza social e un paso moi importante para o futuro deste país”, dixo.
Na presentación tamén se fixo saber que a Biblioteca Pública porá ao servizo de todas as persoas que queiran anotarse ao Wikimaratón equipos informáticos e fondos bibliográficos, pero sobre todo a súa “vocación de colaborar coas iniciativas veciñais”, aseguraba Rosa Díaz Naya, directora do espazo público.
Desde as 10.30 horas, todas as persoas que se queiran apuntar á edición da Galipedia poderán presentarse na propia Biblioteca (rúa Concello 11) “ou facelo a través das súas casas”, apuntaba Adrián Estévez, representante da enciclopedia, para encher a biografía das mulleres propostas (Obdulia Díaz, as irmás Touza, Olimpia Valencia ou Carmen Gurriarán) ou realizar as súas propias achegas. “Só hai que anotarse na Galipedia para poder editar e seguir as indicacións descritas no propio espazo web”, engadiu Adrián Estévez.
Quince históricos anos de vida
O mes de marzo de 2003, concretamente o día 8, nacía un dos grandes proxectos web da nosa terra, con toda probabilidade un dos máis importantes pola súa utilidade no subministro de coñecemento, e tamén, pola reivindicación do galego como unha lingua válida, viva e plenamente afianzada na era da Internet. Estamos a falar da Galipedia, a Wikipedia en galego, que está xa mergullada na celebración dos seus quince anos de historia, tres lustros de traballo incansábel a prol do coñecemento sen cancela de milleiros de voluntarias e voluntarios, que foron quen de facer medrar a Galipedia e de dar azos ao galego na Internet. Segundo nos lembra a comunidade do proxecto, a enciclopedia dixital en galego segue viva e con devezos de continuar medrando.
A día de hoxe, a Galipedia foi quen de mellorar a calidade das súas entradas e de chegar ao posto número 14 na lista de wikipedias por mostra de artigos, cando no 2013 estaba na posición 22, sobre un total de máis de 280 linguas.
No balance de cifras tamén cómpre salientar os case 150.000 artigos acadados, entre os que se contan máis de 150 de gran calidade (que son os que a comunidade etiquetou como as melloras achegas e entre os que se inclúen traducións de entradas da Wikipedia e artigos de colleita propia, abordando temáticas variadas: historia, artes, xeográfica, bioloxía, medicina ou ciencias exactas).
Os impulsores da Galipedia, no seu ollar cara atrás (que é o complemento ideal para a práctica de ollar cara adiante, cara ao futuro), engaden que dun tempo a esta parte e co obxectivo de reparar a discriminación masculina perpetuada en décadas e séculos de xeración de coñecemento, están a darlles meirande visibilidade ás mulleres, “tentando reducir a fenda de xénero existente neste tipo de artigos entre as biografías de homes e de mulleres”.


PUBLICIDADE