A Biblioteca da UVigo quere axudar ao seu alumnado a ver alén dos buscadores

venres, 8 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

En ocasións, de non facer as cousas ben e non parármonos en afinar a puntería, procurar información pode ser unha tortura. É dicir, que confiamos de máis nos buscadores, cando estas ferramentas están suxeitas a moitos intereses e que tamén os internautas que achegan información están suxeitos a moitos intereses. A consecuencia, moitas veces, é que nos extraviamos nun ensarillado de datos, case peor do que estabamos ao comezo. A Biblioteca Universitaria de Vigo quere axudar á comunidade académica a desenlear o enleado. Nesta liña insírese un curso de seu no que se ensinan as claves para atopar información fiábel. A actividade, non presencial, métese de cheo “en abrirnos a mente alén de Google e tirar proveito aos recursos dispoñibles”. Deste xeito, engaden fontes da biblioteca, “os participantes poderán coñecer as estratexias axeitadas para realizar traballos, facendo un uso ético e legal da información atopada”.
Máis en detalle, os participantes aprenderán a empregar de maneira axeitada o catálogo da biblioteca, as bases de datos, as revistas e libros electrónicos e outros recursos web de acceso aberto. Como complemento, o programa inclúe actividades que afondarán na identificación e funcionamento de diferentes tipos de xestores bibliográficos, ademais da elaboración e interpretación de citas bibliográficas ou o emprego de alertas e RSS sobre a información concreta. O curso xurdiu obxectivo de servir de apoio aos estudantes da Universidade, en especial para aqueles que se atopan nos últimos cursos e teñen que realizar traballos de fin de carreira ou fin de grao. “Para superalo”, explícase, “os participantes terán que realizar as actividades de carácter obrigatorio que se indican pero, ademais, existe a opción de realizar tarefas voluntarias que axudarán, do mesmo xeito, a mellorar as capacidades de xestión e organización da información atopada”.
O curso impartirase entre o 18 de febreiro e o 22 de marzo a través da plataforma Faitic e aqueles que entreguen as actividades no tempo estipulado obterán un crédito ECTS ou dous de libre elección. Toda a información sobre o curso pódese atopar na páxina web de Bubela.

PUBLICIDADE