A Biblioteca Ánxel Casal de Santiago lanza catro cursos sobre informática para principiantes e veteranos no eido TIC

venres, 16 de maio do 2014 Fernando Sarasketa

A biblioteca pública de Santiago, fotografada por Joaquín Vilas

Temos á vista máis ensino sobre cuestións dixitais para xente sen grandes coñecementos dixitais. Así nolo contan os responsábeis da Biblioteca Pública Ánxel Casal, en Santiago de Compostela, que ofrece un ciclo de catro cursos de balde que teñen por obxectivo “a formación dos usuarios no eido das novas tecnoloxías da información, calquera que sexa o seu nivel de coñecemento na materia”. De feito, con estas sesións quérese cubrir un amplo espectro social, o máis amplo posíbel, “dende persoas que que se achegan por vez primeira a un ordenador, ata os que teñan unha maior destreza no manexo das ferramentas informáticas e de Internet”. Os cursos, informa a Biblioteca, teñen un carácter práctico de cara á súa aplicación e aproveitamento na vida cotiá.
A celebración das sesións educativas terá lugar nas salas de traballo en grupo do terceiro andar e a Biblioteca porá a disposición de cada un dos participantes un ordenador portátil con conexión a Internet. Os cursos desenvolveranse segundo o seguinte calendario: en xuño celebrase Ofimática Básica e Ofimática avanzada e en setembro Internet básico e Internet avanzado.
O período da inscrición xa está aberto dende o xoves 15 de maio prolongarase até as 13.30 horas do 24 do mesmo mes. Os interesados poderán obter máis datos ao respecto e anotarse chamando ao teléfono 8881 999 401 ou acudindo directamente ao mostrador do andar baixo, onde se lles facilitará un tríptico informativo. Na web da biblioteca tamén atoparán información de interese sobre as achegas formativas.

PUBLICIDADE