A BBC deixará de producir contidos en 3D a finais de ano

venres, 5 de xullo do 2013 Marcus Fernández

O anuncio do cesamento das emisións en 3D da canle deportiva ESPN era un importante signo da falta de interese que está a espertar o 3D no ámbito doméstico pese ao esforzo que fan os fabricantes de electrónica de consumo para vendernos tal tecnoloxía, e agora temos á propia BBC repetindo a xogada, admitindo que as 3D non atraeron suficientemente ao público británico, polo que a finais de ano pecharán a súa proba piloto de creación de contidos estereoscópicos na que levan 2 anos embarcados.
En todo este tempo a BBC experimentou coas 3D en numerosos programas, que van dende series de televisión ata documentais pero, aínda que nos fogares británicos hai xa uns 1,5 millóns de televisores con 3D, só a metade dos mesmos atenderon a grandes producións como a cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos (que era unha excelente oportunidade para aproveitar esta tecnoloxía), resultando aínda máis decepcionante o discurso de Nadal da Raíña, que foi seguido en 3D por menos do 5% do seu público potencial.
A última produción da BBC en 3D será o episodio da serie do Doutor Who que en novembro celebrará o 50º aniversario deste personaxe do que puidemos ver a súa serie orixinal nos inicios da TVG, e que dende 2005 está a vivir unha segunda xuventude grazas á súa recuperación na pequena pantalla.

PUBLICIDADE