A Autoridade Portuaria da Coruña súmase ao proxecto da Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial

martes, 10 de xaneiro do 2023 S. P.

A Autoridade Portuaria da Coruña e a Cámara da Coruña asinaron este martes 10 de xaneiro un convenio de colaboración que recolle o compromiso da primeira entidade para colaborar financeira e operativamente na posta en marcha e actividade da Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial da Coruña. A Oficina, como lembraremos, é un proxecto da entidade cameral e que axiña entrará en funcionamento. Terá a súa sede operativa nas dependencias da propia Cámara de Comercio e o seu obxectivo será captar e atraer investimento tecnolóxico e industrial, poñendo o foco na industria intelixente e a Industria 4.0.
Así mesmo, as actuacións que se realicen dende a Oficina estarán aliñadas coas políticas en materia de promoción industrial e atracción de investimentos existentes a nivel europeo, nacional, autonómico e local.
Antonio Couceiro, presidente da Cámara da Coruña, destacou que “estamos moi agradecidos á Autoridade Portuaria da Coruña polo seu alto nivel de implicación nesta iniciativa que naceu nesta entidade pero que transcende a todo o ecosistema empresarial. Traballaremos da man para ser proactivos na atracción de proxectos tecnolóxicos e industriais á área, dunha forma coordinada, o impulso dunha dinámica activa e a proxección dunha imaxe conxunta da área como potencial receptor de investimentos industriais”.
O presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, agradeceu o apoio constante da Cámara de Comercio ao Porto e sinalou que a creación desta Oficina é “unha iniciativa moi oportuna neste momento de grandes transformacións a nivel global”, polo que ofreceu todo o respaldo do ente portuario para “obter o máximo proveito posíbel”.
A Cámara conta xa tamén co respaldo da Universidade da Coruña, integrada no padroado da fundación que xestionará a Oficina, e nos próximos meses está previsto subscribir convenios de colaboración con outras entidades da área.

PUBLICIDADE