A Aula de Ecoloxía de Ferrol propón un obradoiro para elaborar soportes para móbiles con refugallos

mércores, 2 de novembro do 2016 Redacción

Pensando nunha redución do uso do móbil e na reciclaxe, a Concellería de Medio Ambiente de Ferrol, a través da Aula de Ecoloxía Urbana do Concello, propón un obradoiro para adultos que se levará a cabo esta fin de semana (5 e 6 de novembro), no que se pretende elaborar un soporte para o teléfono móbil. Dende a Aula sinalan que o manexo e contacto continuado co móbil é algo tan interiorizado que ninguén repara xa nas consecuencias negativas que trae parellas, de aí que se decidira facer este obradoiro para lembrar que de cando en vez o noso teléfono ten que ser afastado de nós. Segundo diversos estudos, arestora hai máis xente con móbil que con cepillo de dentes.
Os mesmos estudos salientan que cómpre reducir o seu uso, de aí a necesidade de dispor dun lugar axeitado para pousar o trebello, sobre todo en xente maior, que si precisa telo a man, ten que escoitalo e poder atopalo decontado.
Neste obradoiro proposto pola Aula de Ecoloxía Urbana de Ferrol axudarase a deseñar un soporte personalizado con materiais considerados refugallos.
O obradoiro será de balde, en horario de 16.30 a 17.30 horas esta fin de semana (sábado 5 e domingo 6 de novembro), previa inscrición até mañá, xoves 3.
Os participantes neste obradoiro deberán levar: cola branca (de papelería ou madeira), un pincel mediano, un cúter e unhas tesoiras.
Para máis información ou para inscribirse cómpre enviar un correo electrónico a aeuferrol@gmail.com ou chamar ao teléfono 981 944 222.

PUBLICIDADE