A Aula TIC PEME adestrará a empresas e autónomos en posicionamento web

martes, 22 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Aula TIC PEME do Campus de Lugo (Universidade de Santiago) vainos achegar os días vindeiros a todo o que debéramos saber para tirar proveito do factor visualizador das tecnoloxías e dos novos servizos de comunicación dixitais: a súa capacidade, de usalas ben, para dar a coñecer a nosa empresa en todos os ámbitos nos que poida interesar. Estamos a falar da terceira edición do obradoiro en liña Impulsa a túa empresa en Internet: Redes Sociais e Posicionamento Web. O taller, cen por cen virtual e artellado en base a actividades prácticas, desenvolverase os días 4 de febreiro e 20 de marzo.
Segundo informa a aula, con este curso os participantes aprenderán a xestionar cunha ampla marxe de éxito as principais redes sociais, Facebook, Twitter e Instagram, de xeito que a presenza da empresa nas mesmas incida de forma altamente positiva na imaxe e resultados a acadar. “Trátase dunha actividade altamente demandada no mercado laboral na actualidade, polo que pretendemos cubrir con esta formación un dos perfís que están a solicitar as empresas dentro do seu persoal”, engaden os responsábeis da aula da USC, explicando que outra das vertentes da actividade tamén se se centrará en avaliar a fondo as ferramentas necesarias para optimizar o posicionamento dun sitio web, mellorando a visibilidade do mesmo nos resultados dos diferentes buscadores (o que na súas siglas inglesas denomínase SEO, Search Engine Optimization).
O curso desenvolverase con formato online, cunha duración total de 50 horas, a través dun espazo virtual habilitado para este fin no cal os participantes dispoñen dos materiais e da documentación necesarios. Cada participante contará cun titor que supervisará de forma pormenorizada a súa evolución e solucionará todas as súas dúbidas.
O obradoiro diríxese principalmente a PEME e autónomos, se ben pode ser realizado por calquera persoa maior de 16 anos. Unha vez superado con éxito, será entregado a cada participante o correspondente diploma acreditativo da Universidade de Santiago de Compostela. O prezo xeral da actividade formativa é de 90€, aínda que calquera persoa vinculada no presente ou pasado coa USC (persoal, estudantes, investigadores, etc.) pagará 50€. Amais, hai unha serie de descontos especiais para grupos e actualmente estase a sortear unha praza de balde no Facebook da Aula TIC PEME.

PUBLICIDADE