A Aula Newton da Tecnópole formará a nosa mocidade en simuladores de voo avanzados

luns, 29 de novembro do 2021 S. P.

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) acolle desde finais de outubro a primeira Aula Newton de España con carácter permanente. Trátase dunha aula de aprendizaxe STEM (acrónimo en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade “cun enfoque totalmente práctico e moi innovador”, sinala o parque ourensán, lembrando que se trata dunha iniciativa impulsada por Boeing, FIRST Scandinavia, a Xunta e a Tecnópole. Por certo que o parque abriu un novo prazo para posibilitar a participación de entre 14 e 16 anos. Será con vistas aos meses comprendidos entre febreiro e xuño (mediados). Estamos a falar dun total de 18 sesións formativas centradas no ámbito dos simuladores de voo avanzados.
Neste novo módulo, os estudantes reciben unha misión do Centro de Coordinación de Salvamento Conxunto. Deberán asistir na observación de diversas localizacións na rexión de Bodø (Noruega) para axudar a establecer as prioridades das misións de rescate. O alumnado planificará os seus propios voos, prepararanse para iso realizando cálculos matemáticos con unidades, distancia, velocidade e tempo, determinando o rumbo correcto, e chegarán a dominar a navegación. Traballarán en parellas ou tripulacións, e deberán cumprir a súa misión realizando un voo nos simuladores avanzados de que dispón a aula. Amais, sinala a Tecnópole, instrutores cualificados ofréceranlles asistencia e orientación durante a formación e o desenvolvemento da misión.
Os centros educativos de toda Galicia poden inscribirse nesta actividade da Aula Newton Galicia a través da súa páxina web. Esta innovadora experiencia formativa diríxese a estudantes de 3º e 4º de ESO (14-16 anos), con grupos de entre 18 e 36 alumnos. As actividades, que son gratuítas, levan a cabo os venres, en horario de 10:00 a 14:30 horas. A previsión é que neste curso pasen pola aula ao redor de 1.200 alumnos de toda a comunidade galega.

PUBLICIDADE