A Aula CeMIT de Poio refórzase con novos equipamentos tecnolóxicos

martes, 19 de decembro do 2023 S. P.

A Aula CeMIT de Poio conta dende esta tempada con novos equipos de última tecnoloxía, recibidos recentemente a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Xunta de Galicia (AMTEGA) e que servirán para reforzar os cursos de formación que se imparten durante todo o ano de xeito gratuíto. A axencia puxo a disposición do alumnado e os usuarios dez computadores e tabletas novas, un trípode con anel de luz, unha webcam e unha pantalla de croma.
A concelleira de Mocidade e Novas Tecnoloxías, Tamara González, sinalou que “esta ampliación permite seguir mellorando o centro de Combarro para adaptalo ás novas necesidades que van xurdindo e, sobre todo, ós avances e ás novas capacitacións que se ofrecen a través destas aulas”.
Actualmente, durante o mes de decembro, a aula de Poio imparte ata dez cursos gratuítos en diferentes habilidades dixitais, desde saber facer vídeo-conferencias até o uso seguro do computador e do móbil, edición de texto e de imaxes ou trámites en liña, entre outras cuestións.
González anima á veciñanza a participar nestes cursos e a facer uso da aula de informática, “é un servizo moi importante para conseguir unha transformación dixital inclusiva, principalmente naquelas franxas de idade nas que non están tan familiarizadas co uso das novas tecnoloxías”.

PUBLICIDADE