A Aula CeMIT de Combarro inicia a súa oferta gratuíta de 2023 con máis de 50 horas de formación

martes, 3 de xaneiro do 2023 S. P.

A Aula CeMIT de Combarro (Poio) vai iniciar o ano 2023 ofrecendo máis de 50 horas de formación gratuíta, con contidos “pensados fundamentalmente para persoas que teñen interese en iniciarse no manexo das novas tecnoloxías”, segundo explicou o Concello, engadindo que “se ben os cursos non darán comezo ata o luns 16 de xaneiro, as instalacións xa estarán abertas desde o día 9”. Deste xeito, desde entón e ata o venres 13, a aula aberta estará a disposición da veciñanza, con cita previa, de 16.00 a 21.00 horas. Posteriormente, o horario será de 19.30 a 21.00 horas.
Con respecto aos ciclos, o primeiro será sobre iniciación á informática, do 16 ao 20. Nas mesmas datas tamén se impartirá o curso de utilización do programa de follas de cálculo LibreOffice Calc para iniciados e iniciadas. Esta sesión contará cunha específica para persoas con nivel medio na semana 23 ao 27. Nesas datas tamén se poderán anotar veciños e veciñas interesadas en introducirse no uso de Internet.
Asemade, do luns 30 de xaneiro ao xoves 2 de febreiro haberá un curso sobre a utilización do correo electrónico. Nese propio luns, e ata o venres 3, as clases serán sobre o Scribus, un programa informático para o deseño de carteis e folletos. A programación completarase cunha sesión sobre vídeo-conferencias online, o venres 3. Todos os cursos desenvólvense en dúas franxas horarias: de 16.00 a 17.30 horas e de 17.30 a 19.30 horas.
A programación de 2023 estrearase logo de que durante o ano que está a piques de rematar a Aula CeMIT contase con máis de 500 usuarios e usuarias, que se viron beneficiados pola ampla oferta da que dispón este servizo, con máis de 700 horas anuais, entre cursos gratuítos e aula aberta.
O concelleiro de Novas Tecnoloxías, o nacionalista Xulio Barreiro, lembra que “todas aquelas persoas que estean interesadas en anotarse nalgún destes curso poderán facelo enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.poio@xunta.gal”. Toda a información relacionada con estas actividades pódese consultar no perfil da Aula CeMIT en redes sociais ou chamando ao número de teléfono 986770001 (extensión 1321).

PUBLICIDADE