A Asociación de Deseñadores Galegos abre web

luns, 5 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

A Asociación de Deseñadores Galegos (DAG) vén de presentar a súa face na Web, unha páxina encamiñada a converterse nun obradoiro de traballo e, sobre todo, nun escaparate virtual onde os membros do colectivo contarán con novas oportunidades de amosar as súas propostas ó mundo e que engadir ás xa existentes. O servizo, que ofrece contidos en castelán e en galego (ben por DAG), tamén está concibida para ser o sitio que ligue entre si ós deseñadores galegos, estean onde estean, e “onde poidan compartir, debater e manterse ó tanto da actualidade da súa profesión”, segundo apunta o propio colectivo acerca da creación da páxina.
Malia que xa está a ser presentada no universo internauta, a páxina é un edificio en continua construción: tanto as seccións de novas e de socios como a de contacto veranse ampliadas en breve con apartados de ligazóns a outros colectivos, entidades ou empresas. Amais, incorporaranse unha biblioteca de logos e unha táboa de anuncios para fomentar a comunicación entre estudantes e empresas.
A Asociación Galega de Deseñadores é unha asociación sen ánimo de lucro que ten como finalidade principal crear un marco de debate, reflexión e promoción en todos os ámbitos profesionais e culturais do deseño. A asociación está aberta a deseñadores gráficos e industriais, pensando no futuro e deixando abertas todas as posibilidades, permitindo que, de ser preciso, xurdan pólas máis específicas no seo da mesma entidade.

PUBLICIDADE