A Asociación de Construtores de Pontevedra e Vortal lanzan un mercado electrónico enfocado na construción

mércores, 26 de abril do 2023 S. P.

A empresa Vortal líder en plataformas de compras electrónicas en internet de cara a realizar os procesos de compra e venda de obras, servizos e subministros (no sector público como nas empresas privadas) e a Asociación de Construtores de Pontevedra (ACP) veñen de asinar un convenio de colaboración para o lanzamento de VBuild en Galicia, unha solución desenvolvida por Vortal e centrada no sector da construción, que permitirá ás empresas recibir propostas axeitadas para os seus proxectos e obras, facendo máis doado o proceso de procura de novos socios comerciais.
Así, as empresas de construción que forman parte da Asociación de Construtores de Pontevedra poderán, grazas a este acordo, acceder ao portal baixo condicións especiais. Nun momento no que o sector da construción se enfronta a retos relacionados coa sustentabilidade, a dixitalización, a escaseza de man de obra e a presión inflacionista, as empresas sentiron a necesidade de revisar e adaptar as súas estratexias para encaixar nun sector en constante cambio.
Máis que un novo mercado electrónico, é unha nova maneira de mercar e vender na construción. Ao tratarse dun proceso de compra totalmente dixitalizado, supón un importante aforro para as empresas (de media aforran un 22% ao ano), a redución de riscos e a xestión de todo o proceso de xeito eficiente, transparente, innovador e sustentábel.
Asemade, a dixitalización permitiu identificar e cuantificar outros beneficios como o aforro de tempo empregado nas fases de análises e comparación de ofertas, a xestión de fluxos de traballo ou a preparación de eventos recorrentes. Mellora tamén os procesos de análises e toma de decisións, a ampliación e a dispoñibilidade inmediata da información, que permite impulsar as decisións de maneira racional, orgánica e oportuna.
Jorge Cruz Macara, CEO de Vortal, salienta que: “o portal VBuild permite facer negocios máis intelixentes e eficientes a través da dixitalización e os seus beneficios. O acceso é moi sinxelo e permite ás empresas mellorar o seu rendemento, aforrar tempo, reducir custos, mitigar riscos e innovar nos seus procesos e organizacións”.
Pola súa banda, Miguel Ángel Caruncho Campanario, Presidente da Asociación de Construtores de Pontevedra, considera que esta alianza é unha oportunidade para fomentar o crecemento do sector, de acordo cos obxectivos da ACP.

PUBLICIDADE