A Asociación Téxtil de Galicia pon en marcha unha escola virtual sobre o sector da moda

martes, 25 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

A Asociación Téxtil de Galicia (ATEXGA) quere tirar o máximo rendemento das posibilidades de formación que ofrece a Rede: maiores opcións de chegar a alumnos presentes e futuros, meirandes vantaxes para a promoción, comodidade á hora de afacerse ós horarios e á achega de contidos, etc. Froito disto é a plataforma virtual In-Téxtil que vén de presentar a devandita entidade en Santiago, en colaboración con Femxa Formación e cofinanciada pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo. A ferramenta, que xorde co obxectivo de “compilar e difundir o coñecemento relativo á formación continua no eido do sector téxtil e da confección”, constitúe unha iniciativa innovadora a nivel estatal.
Este carácter novidoso vén dado principalmente por dous motivos: 1º A súa temática (pouco traballada até o de agora no eido dixital) e 2º A súa vontade de abranguer o máximo posible de datos sobre recursos educativos no sector, tanto académicos como de cualificación persoal. Amais diso, achega marxe abonda para a interactividade, segundo informaron os seus responsables en Santiago, sobre todo no que atinxe á relación entre técnicos e profesionais do sector, entre si e cos administradores da páxina. Con este fin, habilitáronse foros, chat e sistemas de contacto variados.
Segundo sinalou ATEXGA no acto de presentación, In-Téxtil xorde con vocación de contrarrestar “un handicap tradicional do sector, no que hai carencias de formación e unha disociación entre a oferta académica das universidades e as necesidades de recursos das empresas”.

PUBLICIDADE