A Asociación Alingua estréase cunha innovadora campaña nas redes sociais

luns, 21 de marzo do 2022 S. P.

Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, é xa unha realidade. Tras dela, dándolle impulso e forza, atópanse dezoite concellos da nosa terra. O seu obxectivo, a través desta nova cooperativa intermunicipal, é “fomentar proxectos conxuntos de dinamización lingüística”. A entidade é froito das necesidades do tempo que nos tocou vivir, un tempo no que o galego perde terreo en múltiples ámbitos, sobre todo os relacionados coas novas xeracións. Emporiso, o traballo conxunto dos concellos porá o foco nos puntos de encontro dixitais, cada vez máis empregados pola totalidade das mozas e mozos da nosa terra. De aí que a estrea oficial da iniciativa sexa unha campaña (Alingua aí!) que conta con algúns dos principais referentes dixitais da nova comunicación galega.
Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo e presidente de Alingua encargouse de conducir en Santiago a presentación da asociación celebrada no Auditorio de Galicia, este luns 21 de marzo. Muíños aproveitou a súa intervención para destacar o “orgullo de termos unha lingua universal” que nos achega “identidade nun mundo globalizado”. Segundo dixo o rexedor rianxeiro, do nome da asociación xorde alinguar, “verbo transitivo que significa usar a lingua propia para expresar pensamentos e accións ao tempo que se manifesta unha vontade expresa de autodefinición e afirmación nela e na cultura que vehicula”. Trátase, en palabras do propio Muíños, dun “neoloxismo case metalingüístico ao fusionar cuestións identitarias e idiomáticas”.
O devandito vocábulo, suposto “neoloxismo de moda”, está a centrar unha campaña a medio camiño entre a ficción e o falso documental a través das redes sociais, protagonizada polas intérpretes Gloria Rico e Tania Yáñez. A campaña conta con colaboracións como a das actrices Mela Casal, Melania Cruz e Ailén Kendelman (que como compositora asina a sintonía da asociación), a cantante MounQup, os xornalistas Gonzo, David Espiño e Patricia Santana, as creadoras dixitais Olaxonmario, Todomalva e Surfeando Libros, o artista Sergio Marey, o escritor Isamel Ramos e a artesá Elena Ferro. Tamén participan a psiquiatra Iria Veiga, o intérprete Xosé A. Touriñán, a bailarina Ánxela Blanco, o rapeiro O Rabelo, a influencer Paula Jorge, a maga Sara Rodríguez e o músico Caxade. Todas estas personalidades da sociedade participan nas pezas audiovisuais da campaña, que procuran subliñar o orgullo de contar cunha lingua propia e espallan mensaxes clave como son “E ti que alinguas?”, “O teu algoritmo fala galego?” ou “A lingua sitúanos no mundo”.
Dezaoito concellos
Os municipios que constitúen Alingua son A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa. As institucións locais integrantes xa veñen colaborando en proxectos como Apego, Youtubeiras, Club de Debate ou Enreguéifate, iniciativas colaborativas de dinamización lingüística.
Alingua aí!
A primeira iniciativa que organiza Alingua é, precisamente, a campaña de presentación que se está a desenvolver para dar a coñecer a asociación e os seus fins. Baixo o lema Alingua aí, xógase coa propia marca da entidade para comunicar a fachenda colectiva por traballar en prol da normalización do idioma. Inclúe tamén sorteos para acudir a restaurantes pertencentes ao prestixioso Grupo Nove (Culler de Pau, Eirado da Leña, Pepe Vieira e O Balado), difusión nos medios de comunicación tradicional ou contidos audiovisuais adaptados ás novas narrativas das redes sociais.
Á presentación de Alingua asistiron representantes municipais de diferentes concellos. Acudiron Rubén Prol e Escarlata Pampín, concelleiros de Santiago e Ames (respectivamente), o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro García; a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e o tenente de alcalde de Rois, Manuel dos Santos Rodríguez. Tamén estiveron presentes a concelleira de Educación de Narón, Mercedes Taibo; a concelleira de Normalización Lingüística da Baña, Lorena Trillo; a concelleira de Cultura de Ribadeo, Pilar Otero; a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón; a concelleira de Lingua de Teo, María López Álvarez; o concelleiro de Urbanismo de Moaña, Odilo Barreiro, e a concelleira de Cultura de Ames, Natividad González Rodríguez.
Os grupos parlamentarios tamén acudiron ao acto. O grupo do Partido Popular estivo representado por Ovidio Rodeiro; por parte do BNG asistiron Mercedes Queixas e Daniel Castro, e polo grupo do PSdeG estivo Noa Díaz. A subsecretaria de Política Lingüística, María Lourdes Batán, representou no acto a Xunta de Galicia. Por parte dos grupos municipais do Concello de Santiago, acudiron Javier Fernández, do PSdeG; Marta Lois, de Compostela Aberta, e Goretti Sanmartín, do BNG.
Entre a asistencia, tamén destacou a presenza do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceiras; da presidenta da Coordinadora de Traballadores/as pola Normalización Lingüística, Anxos Sobriño; o presidente da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e Interpretación, Gabriel Álvarez; María Dolores Candelo, de Nova Escola Galega; e o director do Instituto da Lingua Galega (ILG), Xosé Lois Regueira.

PUBLICIDADE