A Arquidiocese de Santiago estrea nova páxina web

venres, 11 de setembro do 2015 Redacción

Hoxe estreábase a nova páxina web da Delegación de Medios da Arquidiocese de Santiago de Compostela, un site que se viu reformado en canto a contidos, deseño e funcionalidades. Deste xeito, pastoralsantiago.es pasa a ser un espazo informativo (dende o punto de vista pastoral) e un lugar de encontro de todas as parroquias que conforman a Diócese compostelá.
Entre as principais novidades e funcionalidades da nova web, cómpre salientar a distribución de contidos para adaptarse aos estilos dos espazos web máis actuais con novas (da Igrexa universal, da Diócese, das parroquias), artigos de opinión, reportaxes temáticas, ligazóns de interese, etc. Ademais, hai categorías e etiquetas que serven para clasificar e organizar todos os contidos (até as publicacións máis lidas), ao que cómpre engadir entradas relacionadas con percorridos de lectura e e afondamento dos contidos, e coa posibilidade de recomendar a través das redes sociais facendo máis doada a transmisión de información.
En canto á vertente multimedia, con esta achega poderanse incorporar imaxes ou galerías de imaxes a cada unha das novas, inserir arquivos de audio e vídeos xunto a unha actualización permanente de contidos.
Sen esquecerse da importancia da adaptabilidade aos novos e variados terminais, esta páxina é multiplataforma (compatíbel con: PC, tableta ou dispositivo intelixente). Por último, é preciso subliñar que amais da web, a Delegación de Medios vaise facer presente nas redes sociais cunha conta en Twitter e outra en Facebook. Esta estrea únese á posta en marcha o xuño pasado da nova web diocesana.

PUBLICIDADE