A app para iPhone de 20Minutos consolida aos lectores como xornalistas potenciais

xoves, 31 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

A web de 20minutos vén de lanzar un servizo dirixido a facilitar e axilizar un proceso que xa está en marcha dende hai tempo, con tódalas vantaxes de participación, interactividade e documentación da realidade que pon en xogo: o proceso de permitir que cada lector sexa tamén xornalista. O servizo en cuestión chámase Ciudadano20, e trátase, en detalle, dunha funcionalidade da app de seu para iPhone que permite que cada usuario particular envíe fotografías e textos para seren publicados, cando sexan testemuñas de “feitos de especial relevancia ou para presentar as súas denuncias ou anécdotas”, informan polo miúdo os responsábeis da web.
De xeito complementario, respectarase o nome de cada informador, que acompañará as novas que vaian chegando a través da dita aplicación. A idea é lograr que o proceso sexa áxil e tamén doado: tanto no que se refire ao fornecemento de textos como de imaxes e vídeos. “De xeito sinxelo e cunha simple conexión a Internet”, informan dende 20Minutos, “estas informacións pódense enviar á redacción do noso medio, que as revisará de xeito diario e publicará aquelas que posúan máis relevancia informativa”.

PUBLICIDADE