A App Store permitirá que as aplicacións inclúan ligazóns para crear ou xestionar contas de certos servizos

xoves, 2 de setembro do 2021 Marcus Fernández

A tenda de aplicacións de Apple non para de verse obrigada a acometer cambios para adaptarse a leis e acordos en distintos países por considerar que as condicións da App Store atentan contra a competencia, e tras flexibilizar as condicións sobre as formas de pagamento das apps nos EE.UU. por mor dun acordo extraxudicial e ter que permitir métodos de pagamento alternativos en Corea do Sur por mor dunha nova lei, chega agora un acordo coa Comisión de Comercio Xusto do Xapón que aplicarase de xeito global e que permitirá que os desenvolvedores de aplicacións de visualización de contidos poidan incluír unha ligazón á súa web dentro das aplicacións para crear ou xestionar contas, o que permitiría evitar o sistema de pagamentos da App Store dun xeito sinxelo.
O tipo de aplicacións beneficiadas deste cambio serían as que ofrecen acceso a contidos adquiridos previamente ou a subscricións a revistas dixitais, xornais, libros, audio, música e vídeos. O cambio entrará en vigor a primeiros de 2022.
Polo momento, Apple segue sen dar o brazo a torcer para permitir métodos de pagamento alternativos dentro das aplicacións móbiles, pero no caso de que unha aplicación non inclúa compras in-app, terá agora a posibilidade de levar á páxina web que facilita isto, algo que antes prohibíase expresamente. Este tipo de práctica beneficia especialmente ao usuario, que ten facilidades para acceder a servizos de subscrición que en bastantes casos xa abandonaron a posibilidade de contratarse a través das tendas de aplicacións para evitar asumir as súas elevadas comisións.

PUBLICIDADE