A Administración central xa permite realizar en liña o 90% dos seus trámites

mércores, 21 de setembro do 2011 Raquel Noya

Grazas, entre outras cousas, ao DNI electrónico, ese documento que nos seus inicios ninguén lle atopaba máis utilidade que a que viña tendo de toda a vida para identificarnos, hoxe en día xa podemos realizar por Internet a maior parte dos nosos trámites coa Administración central sen ter que desprazarnos ata algunha das súas dependencias coa consecuente perda de tempo, cartos e paciencia.
Segundo informa o portal dixital Muypimes.com, estamos a falar de “máis de 2.300 procedementos e servizos da Administración Xeral do Estado”, que agora están adaptados á Lei de Acceso electrónico da cidadanía aos servizos públicos, aprobada en 2007, polo que xa se poden xestionar por medios electrónicos sen movernos fisicamente ata as súas oficinas.
Trátase de aproximadamente o 90 por cento do total e do 99 por cento da tramitación global anual, que son posibles grazas á existencia, en España, de máis de 24 millóns de DNI electrónicos.
Manuel Chaves, o ministro de Política Territorial, apunta na publicación dixital que “a finais de 2010 expedíronse máis de dous millóns de certificados a persoas físicas e 400.000 a entidades xurídicas”, cifras que non fan máis que confirmar o gran impulso que experimentaron a sinatura electrónica e os certificados dixitais no Estado.
Estas cifras sitúan a España entre os dez países do mundo máis avanzados neste ámbito e no quinto lugar a nivel europeo, segundo datos da ONU e a UE recollidos no informe presentado este venres que cita o artigo de Muypimes.com.

PUBLICIDADE