A Academia Makers inicia os seus obradoiros de emprendemento argalleiro

martes, 30 de agosto do 2022 Redacción

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, inaugurou hoxe por videoconferencia o obradoiro de competencias básicas de emprendemento da Academia Makers no que participan 19 persoas cunha idea previa de negocio que desexan desenvolver seguindo a filosofía argalleira. A directora xeral destacou que a Xunta “vén de deseñar un conxunto integral de actividades formativas cuxo obxectivo é proporcionar aos makers maiores de 18 anos as ferramentas que permitan converter a súa idea ou o seu prototipo nunha idea de negocio ou unha mellora innovadora ao servizo das empresas da Eurorrexión”.
A actividade, que se desenvolve desde o Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Ourense Centro e Sur, situado en Verín, é a primeira a celebrar pola Academia Makers, un proxecto enmarcado no programa transfronteirizo Emprende Makers, co obxectivo de dinamizar a iniciativa empresarial en Galicia e o Norte de Portugal.
O taller de competencias básicas de emprendemento estreouse hoxe cunha primeira actividade co título Como presentar a miña idea: O pitch. É a primeira sesión dun total de oito que se impartirán en modalidade en liña, e que ofrecen 20 horas de formación distribuídas en catro módulos sobre como presentarse ante as corporacións (módulo 1), como tratar aos clientes (módulo 2), como explotar as vendas (módulo 3) e un cuarto sobre a construción de modelos de negocio escalables e finanzas para o emprendemento.
A actividade está financiada con fondos do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (Poctep).
No mes de setembro están programadas actividades da Academia Makers tamén en Vilanova de Arousa (Pontevedra), en Silleda (Pontevedra) e en Coristanco (A Coruña).
A través desta iniciativa, o Goberno galego agarda poder asesorar máis de 60 proxectos e dar orixe a unhas 30 empresas, 20 delas en Galicia.

PUBLICIDADE