A AXEGA colabora con Tecnópole na realización dun vídeo didáctico sobre aviación e rescates

martes, 24 de maio do 2022 S. P.

A Aula Newton Galicia, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), desenvolveu un curso completo para o alumnado de 3º e 4 da ESO de toda a comunidade. Esta aula de aprendizaxe STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), impulsada conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole, arrincou a finais de outubro de 2021 coa experiencia Voamos con números: unha aventura aérea, que introduce ao alumnado no mundo da aviación a través dos coñecementos matemáticos.
A unidade didáctica orixinal está localizada na rexión de Bodo, en Noruega, e a actividade é introducida mediante un vídeo no que os participantes deben responder a unha misión de rescate proposta polo Centro de Coordinación e Rescate da devandita contorna nórdica. Para cumprir estas misións dispoñen de simuladores de voo avanzados na Aula, asistidos por instrutores cualificados.
No ánimo de aproximar estes contidos ao alumnado de Galicia, Tecnópole propúxose levar a cabo o cambio de localización da unidade didáctica orixinal cara a un emprazamento dentro da comunidade galega. Deste xeito, tanto as rutas de voo como os obxectivos da misión pasarán a localizarse no sur de Galicia. “Pretendemos un maior grao de conexión do alumnado cos obxectivos da proposta ao recoñecer elementos e zonas xeográficas que lle son moito máis familiares”, salientou o equipo de docentes da Aula.
Así mesmo, froito da colaboración coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a través do 112 Galicia, vaise mudar o vídeo de Chamada á acción por outro realizado no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112) da Estrada. No vídeo participaron técnicos de Explotación Operativa do 112 Galicia e do Grupo de Apoio Loxístico de AXEGA.
Mediante esta iniciativa, cuxo obxectivo é “facilitar a comprensión e o desenvolvemento dos exercicios aos que o alumnado debe facer fronte dentro das actividades da Aula Newton”, dáse a coñecer o funcionamento do sistema galego de recepción e tratamento das chamadas de emerxencia efectuadas a través do número único europeo 1-1-2. Así, para “ambientar e crear un escenario suficientemente verosímil”, a Axencia Galega de Emerxencias puxo a disposición dos docentes da Aula Newton as instalacións e medios humanos do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia situado na Estrada para gravar unha peza audiovisual, na que se poden apreciar as formas de xestionar unha grave e real emerxencia na nosa terra. “Deste xeito, o coñecemento científico e a prevención e xestión dos riscos naturais danse a man nun espazo para a formación e o progreso das novas xeracións”, explican dende a Tecnópole. Engadindo que en First Scandinavia, principais impulsores das Aulas Newton en Europa, están interesados en poñer a disposición das súas aulas internacionais esta nova misión proposta desde Galicia.

PUBLICIDADE