A AMTIC do Milladoiro arrinca a súa axenda cunha conversa sobre ciberseguridade

luns, 2 de maio do 2022 S. P.

Tras abrir as súas portas o pasado martes, a Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro, a AMTIC, comeza o seu programa de actividades para maio e xuño co coloquio Neurohacking: a pandemia invisíbel, unha proposta sobre ciberseguridade na que coñecer os riscos derivados do uso diario de Internet. Será este xoves 5 de maio na Casa da Cultura do Milladoiro, de 18:00 a 19:00 horas. A charla estará conducida polo experto Nacho Álvarez, formado en Investigación Privada e Criminoloxía e con experiencia na Secretaría do Estado de Seguridade ou en Telefónica. A entrada será libre e de balde ata completar aforo.
O obxectivo central desta charla será axudarnos a entender os riscos aos que nos enfrontamos a diario ao usar Internet, en especial en situacións nas que introducimos datos persoais e contrasinais, descargamos arquivos descoñecidos ou empregamos conexións non seguras. Para iso, Álvarez explicará cal é o contexto e o panorama actual da seguridade na Rede, así como as técnicas máis comúns á hora de roubar información persoal. Deste xeito, mostrará xeitos de detectar enganos como o phishing (suplantacións de identidades para roubar información ou cartos) e formas de protexernos.
Para máis información sobre o evento ou a nova aula de informática do Milladoiro, a AMTIC, pódese enviar un correo ao enderezo informatica.milladoiro@concellodeames.gal, ou ben chamar ao teléfono 981 53 59 40.
Ademais desta conversa, a AMTIC do Milladoiro, dependente da Concellería de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, contará con seis propostas formativas en modalidade presencial e telemática. As actividades consisten en dous obradoiros presenciais de mecanografía para o público infantil e adulto, así como catro talleres en liña máis sobre o uso de LibreOffice Impress, GIMP, Inkscape ou os buscadores en liña.
Para inscribirse nestes obradoiros cómpre enviar esta ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal, ou ben asistir á Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación, situada na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de Aula Aberta, de luns a venres, e de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

PUBLICIDADE