A AMTEGA presenta o plan de reforma da Rede CeMIT en Barcelona

luns, 30 de maio do 2022 S. P.

A rede de aulas CeMIT participou a semana pasada III Encontro de Dinamizadores de centros de competencias dixitais de toda España. A cita celebrouse en Barcelona no marco do Foro Dereitos Dixitais baixo a dirección da Asociación Somos Dixital e en colaboración coa Plataforma Red Conecta, a Fundación Esplai e All Digital. A rede CeMIT, responsabilidade da axencia AMTEGA e os Concellos galegos (91) que contan con estas aulas de alfabetización dixital e dinamización social e tecnolóxica, presentou o seu plan de reforma.
No encontro os dinamizadores dos centros de competencias dixitais participaron en mesas redondas, debates compartidos con profesionais e expertos e obradoiros onde axentes implicados na defensa dos dereitos dixitais e representantes das políticas de transformación dixital expuxeron os logros e desafíos da dixitalización cidadá. Abordáronse tamén temáticas como a fenda dixital e as solucións e iniciativas que se poden aplicar para achegar o uso diario das novas ferramentas aos colectivos máis afectados pola brecha (por exemplo a poboación sénior). Tamén se presentaron proxectos que contribúen a aplicar iniciativas que favorecen os dereitos dixitais da cidadanía.
Ademais, entregáronse os Premios Somos Dixital no que a iniciativa impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e AGASOL Girl STEAM derrubando estereotipos, foi finalista na categoría Inclusión Digital.
Durante a sesión de arranque, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presentou o Plan de reforma e ampliación da Rede de aulas CeMIT. Cara a plena capacitación dixital da cidadanía galega na xuntanza de responsábeis de Redes co obxectivo de compartir experiencias e ideas inspiradoras entre os diferentes representantes das comunidades autónomas e organizacións que forman parte de Somos Digital. Asemade, a axencia galega foi a encargada de realizar o relatorio inaugural do obradoiro Persoas maiores e protección da saúde, onde se deu a coñecer con datos estatísticos o uso que fan as persoas maiores da tecnoloxía así como a súa evolución nos últimos anos. A Rede CeMIT tamén estivo presente neste taller compartindo como exemplo de boas prácticas o proxecto Camiña en Dixital, levado a cabo no marco da celebración do Día de Internet e que contou coa participación de máis de 700 persoas dos centros de competencias dixitais toda España. Con esta iniciativa, explicou AMTEGA, “conseguiuse capacitar ás persoas maiores no manexo das ferramentas dixitais para medir pasos e quilómetros nas súas andainas, así como sacar fotografías e vídeos e subilos ás redes sociais acadando os obxectivos de fomentar o uso da tecnoloxía por parte dos maiores e impulsar hábitos saudábeis”.
No marco deste Foro tamén confluíron outros eventos como a celebración da Asemblea da Plataforma Red Conecta e a Asamblea e Xunta Directiva da All Digital que amplían o seu potencial e posibilitan interrelacións a nivel europeo así como o intercambio enriquecedor de experiencias e o networking entre os seus participantes.

PUBLICIDADE