A AMTEGA e os Clústers TIC e Audiovisual amosan en xaneiro as moitas oportunidades que nos deparan os contidos dixitais

luns, 26 de decembro do 2016 Redacción

A nosa terra vai acoller en xaneiro un importante encontro internacional destinado a pór de relevo a importancia dos contidos dixitais como portas nas que chamar para impulsar novas experiencias empresariais ou ampliar as que xa están en marcha. Este será un dos obxectivos clave do DIgitalCOntents (DICO) Summit 2017, un evento promovido pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración co Clúster Audiovisual Galego (CLAG) e o Clúster TIC Galicia no marco do programa Viraxe TIC. O encontro, no que participarán unha chea de entidades e profesionais dos ámbitos galego, estatal e europeo, tanto das TIC como do audiovisual como da ampla marxe de actividade onde se xuntan estes eidos, compleméntase con estoutro obxectivo fundamental: difundir as máis recentes novidades sobre contidos dixitais e a súa repercusión en novos modelos de negocio. A cita será os días 24 e 25 de xaneiro no Edificio CINC da Cidade da Cultura.
O evento artellarase en catro tipo de actividades complementarias. Por un banda, os paneis e intervencións de entidades e profesionais de referencia de ámbito estatal e europeo que ofrecerán a súa visión sobre os contidos e a transformación dixital; o novo concepto de televisión e plataformas audiovisuais, os videoxogos, as tecnoloxías de base ou os casos de éxito en determinados eidos da economía dixital.
En segundo lugar, contarase cun espazo de exhibición (showroom), no que os asistentes terán a oportunidade de dar conta das tecnoloxías que, en palabras da organización, “marcarán o futuro dos contidos dixitais e as súas aplicacións prácticas”.
En terceiro lugar, as empresas participantes terán á súa disposición un espazo de networking, habilitado de maneira específica para “fomentar o intercambio de coñecemento entre empresas e profesionais co obxectivo estreitar ligazóns e fomentar acordos e colaboracións dentro do mundo dixital”.
Por último, impulsarase o talento local a través dun concurso de ideas relacionadas con novos proxectos no eido dos contidos dixitais.
Segundo informa AMTEGA, a web da iniciativa, dicosummit.gal, irase actualizando coas novas sobre as entidades e profesionais que terán presenza no evento, que tamén se publicarán nas redes sociais das tres entidades organizadores. A inscrición poderá formalizarse a través da web a principios de xaneiro.
As entidades interesadas nesta iniciativa poden poñerse en contacto coa organización a través do enderezo electrónico info@dicosummit.gal.

PUBLICIDADE