A AMTEGA e as universidades galegas únense para fomentar o voluntariado dixital

luns, 18 de febreiro do 2013 Redacción

O Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia ábrese ás universidades galegas a través do novo proxecto UNIMÁIS Tic, co que pretenden que 150 estudantes e profesores de enxeñarías de Telecomunicacións e Informática participen como voluntarios dixitais nas entidades de acción social galegas, facilitando que a investigación tecnolóxica que se desenvolve nas universidades tradúzase nas solucións reais que precisan os colectivos cos que traballan as entidades mencionadas para mellorar a súa calidade de vida.
UNIMÁIS Tic contará con 4 actores principais: as escolas universitarias e facultades TIC, as oficinas de voluntariado das universidades, os colexios profesionais e os voluntarios dixitais, que serán tanto estudantes como profesores de informática e telecomunicacións que se queiran adherir ao proxecto.
As escolas e facultades TIC encargaranse da elaboración do directorio de grupos de investigación que traballan no ámbito da tecnoloxía social en Galicia así como do catálogo de proxectos e servizos neste eido. Esta información pasará a formar parte do Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, Mapa TIC.
As oficinas de voluntariado contribuirán a difundir o programa de voluntariado dixital e a xestionar o labor dos voluntarios dixitais que se adhiran a esta iniciativa. O labor destes voluntarios centrarase en achegar as novas tecnoloxías aos colectivos e entidades do terceiro sector galego.
Por outra banda, os colexios profesionais porán en contacto aos voluntarios dixitais universitarios cos profesionais do sector TIC para orientalos na súa formación e busca de emprego. Tamén contribuirán á difusión da oferta tecnolóxica dos grupos de investigación correspondentes ao ámbito de tecnoloxía social e analizarán a posible participación do sector empresarial TIC para transformar estes proxectos en produtos de mercado.

PUBLICIDADE