A AI pide a recusación de González-Sinde por parcialidade e intereses persoais

luns, 13 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

Na web da Asociación de Internautas queda clara a oposición ao nomeamento da nova ministra

Á Asociación de Internautas, entre outros moitos colectivos vinculados á Rede, a designación de Ángeles González-Sinde como nova ministra de Cultura semella terlle quitado o sono para o que fica de lexislatura. Motivos probablemente non lles faltan: a nova titular do departamento que máis competencia ten sobre a cuestión dos contidos e das descargas pola Internet non se ten amosado no seu cargo anterior como presidenta da Academia de Cine especialmente inclinada cara a un panorama de libre intercambio de ficheiros. Por esta razón, e tal e como sinalamos os días anteriores, a Asociación de Internautas amosou dende o principio o seu rexeitamento á elección da nova ministra, postura que malia a certa vontade de diálogo amosada por González-Sinde, vén de derivar nunha petición de recusación da titular de Cultura “por conflito de intereses”.
A AI basea esta proposta no que considera unha falta de imparcialidade por parte da nova ministra, polo que en virtude do artigo 4 da Lei 5/2006 (do 10 de abril) sobre regulación de conflitos de intereses dos membros do Goberno e dos Altos Cargos da Administración, González-Sinde terá “que inhibirse en moitísimos supostos”.
Máis polo miúdo, sinala a Asociación de Internautas, a petición apóiase directamente sobre o artigo 7.1 da dita lei, onde se deixa claro que “quen desenvolva un alto cargo está obrigado a inhibirse do coñecemento dos asuntos en cuxo despacho tiveran intervido ou que interesen a persoas ou sociedades en cuxa dirección, asesoramento ou administración tiveran tido algunha parte eles, o seu cónxugue ou persoa con quen convida en análoga relación de afectividade, ou familiar dentro do segundo grao e nos anos anteriores á súa toma de posesión como cargo público”. Para a AI, é manifesto que González-Sinde ten unha vontade parcial no que respecta á industria do cinema e a xestión dos dereitos de autor, amais de intereses persoais e familiares directos.

PUBLICIDADE