A AETG convoca un encontro de confraternización con motivo dos seus 25 anos de andaina

mércores, 22 de novembro do 2017 Redacción

A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia celebra este 2017 os seus 25 anos de andaina, dúas décadas e media traballando a prol do progreso tecnolóxico da nosa terra e impulsando manchea de avances e melloras no ámbito comunicativo e innovador. Para conmemoralo, a AETG quere facer reconto do acadado ao longo da súa traxectoria e, tamén, facer repaso por todo o que está por vir (novos retos, novos obxectivos, novos proxectos). Desta maneira, o venres 1 de decembro, ás 15.00 horas, celebrarase un encontro de confraternización de asociados para “compartir lembranzas arredor do camiño percorrido pola AETG”, unha xuntanza de distintas xeracións na que participarán os membros máis veteranos e a tamén os máis novos do colectivo profesional.
Para participar na xuntanza, que aínda ten por confirmar o emprazamento finalmente elixido, é preciso que os integrantes da AETG confirmen asistencia enviando un correo a comunicacion@aetg.gal indicando o seu nome completo e teléfono de contacto.
Como lembraremos, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia sentou os alicerces en outubro de 1992, ficando formalmente constituída e aprobados os seus estatutos (a traveso da resolución publicada pola Secretaría Xeral Técnica do Ministerio de Interior), se ben un ano antes, en novembro de 1991, celebrárase a asemblea de constitución da entidade.
Indicar tamén que unha parte importante da conmemoración dos 25 anos materializouse este pasado mes de setembro, coa celebración da Noite Galega das Telecomunicacións, edición 2017, que xuntou máis de 300 profesionais.

PUBLICIDADE