A AEPD multa a unha fundación por remitir un e-mail a múltiples destinatarios sen copia oculta

mércores, 6 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

De cando en vez recibimos correos electrónicos nos que figuran numerosos destinatarios de xeito público, o que fai que todos os receptores poidan ter os enderezos do resto, o que é unha mala práctica que debe evitarse a toda costa, e que agora vemos que pode ter consecuencias moi gravosas, xa que a Axencia Española de Protección de Datos vén de publicar unha resolución (dispoñible en formato PDF) na que impón unha multa de 2.000 euros á Fundación Santa María La Real por enviar un correo electrónico anunciando a súa presenza na Feira do Libro de Madrid incluíndo como destinatarios aproximadamente a un milleiro de persoas o pasado mes de maio.
A Axencia destaca que o denunciado non só ten que ter en consideración os requisitos previstos na LSSI con respecto ao envío de comunicacións comerciais non solicitadas, senón que tamén ten que coidarse a protección de datos, polo que de remitir mensaxes a través dunha ferramenta de correo electrónico de escritorio a múltiples destinatarios, os seus enderezos deberían incluírse no campo CCO (copia de carbón oculta) e non no campo CC.
Ao non existir intencionalidade e non reiterarse tal práctica, a Axencia entendeu rebaixar a infracción da Fundación a leve, de aí que puidese fixar unha sanción reducida, pois en caso contrario terían que facer fronte a unha multa de entre 40.001 e 300.000 euros, o que parece desproporcionado, pero que deberán ter en conta os que habitualmente fan comunicacións electrónicas masivas, pois son moitos os factores que se teñen en consideración para fixar a sanción, e non sempre as autoridades son tan benévolas con estas malas prácticas.

PUBLICIDADE