A AEPD investiga se ChatGPT vulnera a lexislación de protección de datos

venres, 14 de abril do 2023 Marcus Fernández

As dúbidas sobre o tratamento de datos persoais que fan as intelixencias artificiais xenerativas son bastante serias, xa que non se coñece ben como operan con datos durante as fases do seu adestramento e tense constatado como é posible facerlles expor información privada, de aí que non sorprenda que a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) iniciara de oficio actuacións previas de investigación á empresa estadounidense OpenAI, propietaria de ChatGPT, por un posible incumprimento do Regulamento Xeral de Protección de Datos vixente a nivel europeo.
A AEPD xa solicitou a semana pasada ao Comité Europeo de Protección de Datos que incluíse o servizo ChatGPT como tema a abordar na súa reunión plenaria, ao considerar que os tratamentos legais que poden ter un importante impacto sobre os dereitos das persoas requiren accións harmonizadas e coordinadas a nivel europeo en aplicación da lexislación de protección de datos. O Comité finalmente decidiu iniciar un grupo de traballo para fomentar a cooperación e intercambiar información sobre as accións levadas a cabo polas autoridades de protección de datos.
Actualmente ChatGPT está bloqueado para os cidadáns italianos e xa iniciaron trámites semellantes en Alemaña, medidas provisorias mentres OpenAI non achegue a información requirida polas autoridades de protección de datos para clarexar se cumpre coa lexislación europea.

PUBLICIDADE