A AEF organiza para Ferrolterra un programa de transformación dixital para directivos

martes, 19 de decembro do 2023 S. P.

A Asociación de Empresarios Ferrolterra (AEF) pon en marcha, da man de Galicia Business School, unha edición dun programa formativo completamente gratuíto: o Programa Xeración Dixital Pemes: Equipos Directivos. Entre ambas as entidades reunirán a máis de 30 directivos e empresarios de pequenas e medianas empresas da nosa terra, principalmente da comarca de Ferrolterra.
Trátase “dunha iniciativa enfocada á transformación dixital das empresas, cuxo prezo de mercado supera os 6.000 € e que é totalmente gratuíto grazas ao financiamento dos Fondos Next Generation EU”.
A convocatoria do Programa Xeración Dixital Pemes: Equipos Directivos empezará en marzo do vindeiro ano (2024) da man de Galicia Business School. Este programa foi especificamente deseñado para directivos e empresarios de pequenas e medianas empresas galegas, que buscan afrontar os desafíos da era dixital e potenciar a competitividade dos seus negocios e que é totalmente gratuíto posto que forma parte do Plan Nacional de Capacidades Dixitais.
A AEF engade que os directivos aos que prevé convocar “están todos dispostos a aprender de expertos na materia, recibindo durante a súa formación as ferramentas e coñecementos necesarios para abordar a transformación dixital nas súas empresas de maneira eficiente e efectiva”. As persoas que decidan participar neste programa gozarán das sesións presenciais nas instalacións da Asociación de Empresarios Ferrolterra. A formación terá unha duración de tres meses nos que se combinarán xornadas de networking presenciais (40 horas) coa presencialidade dixital (106 horas).
Para información e inscricións contactar con generaciondigital@galiciabusinessschool.es ou chamar ao 886317146.

PUBLICIDADE