A AAAG e o Concello da Coruña celebran a María Casares cun podcast biográfico

mércores, 15 de xuño do 2022 S. P.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e o Concello da Coruña van render homenaxe á actriz María Casares, no ano do seu centenario, con diferentes actividades a pé de rúa e, tamén, a pé de Rede. O obxectivo destas accións, sinalaron, “é apoiar a dinamización da exposición retrospectiva sobre a actriz que acolle Quiosco Alfonso até o vindeiro 24 de xullo”. Inclúese un roteiro polas as rúas da Coruña na que medrou María Casares e a gravación dun podcast biográfico en tres sesións que se celebrarán no propio Quiosco. As dúas actividades desenvolveranse abertas ao público e contarán coa participación de actores e actrices.
O roteiro disporá de dúas convocatorias, celebrándose a primeira delas este sábado, 18 de xuño. A ruta urbana, que transitará por espazos de especial significado nos primeiros anos de María Casares, estará guiado polo historiador Emilio Grandío e a investigadora María Lopo e contará coa participación do actor Gonzalo Uriarte, quen se encargará de ler diferentes cartas que Santiago Casares Quiroga escribiu á súa filla, María Casares. Pola súa banda, Matilde Blanco poralle voz á propia Casares ao ler fragmentos das súas memorias Residente Privilexiada. O punto de saída será a Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panaderas, 12) ás 12.00 h. A segunda convocatoria será o sábado 2 de xullo.
Cada un dos roteiros, que ten unha duración aproximada de dúas horas, conta cun total de 30 prazas e para participar neles cómpre a inscrición previa a través do formulario na web da asociación. A reserva de praza será por estrito orde de inscrición e cada inscrición será individual.
Podcast biográfico
A segunda das actividades que organiza o Concello da Coruña coa colaboración da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) leva por título María Casares: da Coruña a Residente privilexiada. Tratarase da gravación dun perfil biográfico a través da presentación de María Lopo, comisaria da exposición María Casares, actriz océano. Itinerario dunha exiliada, e a lectura dramatizada de diferentes actrices de textos importantes na traxectoria da célebre interprete nacida na Coruña en 1922.
A gravación, que se desenvolverá aberta ao público, dividirase en tres sesións que se celebrarán os martes 5, 12 e 19 de xullo ás 19,00 horas no auditorio do segundo andar do Quiosco Alfonso. Cada unha destas sesións centrarase nun aspecto fundamental de María Casares: a infancia na Coruña, o exilio e o teatro.

PUBLICIDADE