A 5G, a ciberseguridade e a IA centrarán a terceira edición da Demoweek de Gradiant

martes, 19 de xullo do 2022 S. P.

Entre o tres e 7 de outubro, o Centro Tecnolóxico Gradiant vai celebrar a terceira edición do seu DemoWeek, co obxectivo de mostrar os últimos avances en conectividade, intelixencia e seguridade. Será unha axenda de actividades de portas abertas, dende a súa nova sede, dirixidas a empresas e profesionais. Segundo confirmou Gradiant, nestas xornadas prestarase especial atención aos sistemas aéreos non tripulados e a industria intelixente.
As actividades previstas desenvolveranse xunto aos socios do centrovigués nos diferentes consorcios e centros tecnolóxicos nacionais e internacionais. Esta DemoWeek continúa a senda que iniciou a organización en 2019, cando, segundo lembra Gradiant, o evento converteuse “nunha cita imprescindíbel” para coñecer as novas tendencias no ámbito da investigación e desenvolvemento de tecnoloxías.
Como en anteriores edicións o evento adicará unha das xornadas á conectividade. Ese día, as redes 5G serán as protagonistas dos paneis e demostracións. A Intelixencia Artificial tomará o relevo e ao abeiro desta temática debullaranse iniciativas tan destacadas como o proxecto europeo PERSIST, coordinado por Gradiant. En materia de ciberseguridade, porase o foco nos proxectos Valida, SafeGate ou Impulse.
No evento participarán profesionais do sector como relatores ou colaboradores nos diferentes paneis e mesas redondas. Algunhas destas persoas expertas nos ámbitos de seguridade, a intelixencia e a conectividade traballan para outros centros tecnolóxicos socios dos consorcios cos que Gradiant investiga e desenvolve as diversas solucións tecnolóxicas.
Coa DemoWeek 2022, Gradiant afianza unhas xornadas de portas abertas que se celebran desde 2019. No evento que se organizou o ano pasado de maneira virtual (debido á situación sanitaria) participaron case 200 persoas. “A DemoWeek é a cita anual en Galicia para aqueles profesionais que desexen descubrir cales serán as tecnoloxías nas que se apoiarán as empresas e entidades para afrontar os retos presentes e futuros”, engaden fontes de Gradiant.

PUBLICIDADE