A 13ª edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, lista para comezar

xoves, 7 de marzo do 2013 Redacción

Será entre o 12 e o 15 de marzo cando teña lugar a décimo terceira edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, unha xuntanza que se levará a cabo nas escolas de Enxeñaría do Campus de Vigo. Esta cita de universitarios e para universitarios nacía no ano 2001 co gallo de achegar empresas e futuros titulados do eido técnico e das enxeñarías. Nesta nova convocatoria desenvolverase un amplo programa de actividades que abranguerá: presentacións de empresas, conferencias, mesas redondas e stands das diferentes compañías participantes. E quen está detrás desta idea? Pois son os propios alumnos e alumnas das EE de Telecomunicación, EE Industrial e ETS de Enxeñaría de Minas interesados en descubrir o tecido empresarial co que se atoparán ao remataren as súas titulacións.
Para esta 13ª edición do Foro Tecnolóxico de Emprego está confirmada a asistencia de varias empresas punteiras do sector: a operadora de telecomunicacións R, Altran, Repsol, a Fundación Faimevi, Tecnocom ou TRW. Os stands serán a canle de comunicación de empresas e universitarios, alí poderanse amosar currículos, traballos, produtos, bolsas profesionais... Asemade, os participantes no Foro poderán asistir a presentacións, conferencias, mesas redondas e workshops nos que terán cabida dinámicas de grupo, test, procesos de selección e outra actividades que fomenten un achegamento cos representantes das empresas e o intercambio de ideas.
Por último é preciso sinalar que neste Foro tamén haberá novidades, como é o caso do Be Creative, unha proposta para que as empresas atopen solucións innovadoras aos seus proxectos. As compañías proporán un proxecto aos alumnos e alumnas, para que estes presenten as súas ideas, quedando estas en mans da empresa e, no caso de que algunha das propostas resulte elixida, poderase realizar unha bolsa de formación nesa empresa. Engadir que este Be Creative, e todo o acontecido no Foro, será recompilado nunha revista encargada de dar conta de todos os detalles desta edición.

PUBLICIDADE