A 10ª enquisa Navegantes na Rede revela datos moi positivos para o futuro de Internet

mércores, 20 de febreiro do 2008 Raquel Noya

A Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC) vén de facer públicos os resultados da 10ª Enquisa a Usuarios de Internet (Navegantes na Rede) que levou a cabo entre os meses de outubro e decembro do pasado ano.
O obxectivo da devandita enquisa é coñecer con detalle o perfil dos internautas en España, un sector da poboación que se incrementa cada ano e que na actualidade se sitúa no 26,9 por cento da poboación maior de 14 anos.
Fronte ás respostas obtidas na primeira edición (levada a cabo hai dez anos) na que non se chegaron ben ás 10.000, a Navegantes en Rede deste ano obtivo máis de 41.000 respostas válidas que lle dan unha maior fiabilidade ó estudo.
Nesta enquisa, a AIMC puxo especial interese na achega de información sobre o comportamento habitual do usuario de Internet no noso país, sobre cara onde evoluciona a súa conduta, con qué problemas se atopa, cómo se relaciona a través da Rede e qué aplicacións e sistemas gozan de maior éxito entre os internautas.
As principais conclusións ás que chegaron os responsables desta 10ª edición en canto ó comportamento para con Internet foron as seguintes:
- O acceso a blogs é a actividade de Internet que máis se incrementou no último ano cunha subida de 4 puntos porcentuais, pasando do 39,5 ó 43,5 por cento.
- O 50 por cento dos enquisados consideran a Rede como a súa principal fonte de información.
- Asemade, as redes de intercambio de arquivos P2P contan co apoio de preto do 50 por cento dos enquisados que apostan por promover o seu desenvolvemento fronte ó 1,8 por cento que “prohibirían e perseguirían legalmente esta práctica”.
- O navegador Mozilla Firefox/Mozilla continúa o seu ascenso (do 23,9 ó 26,8 por cento) en número de usuarios fronte ó Microsoft Internet Explorer que descende 3 puntos porcentuais (ata o 70,7 por cento) aínda que mantén o seu liderado.
- Este ano medra a porcentaxe de internautas que se conectan á Rede a través do ordenador portátil (do 51,1 ó 59,9 por cento) pero segue sendo maioría os usuarios que se conectan dende o ordenador de sobremesa (92 por cento).
- A conexión a través de redes sen fíos WiFi continúa a súa expansión e un 52,9 por cento de internautas xa a ten instalada na súa casa.
- O número de usuarios que aumentaron a velocidade de conexión tamén se elevou e neste ano, un 16,2 por cento dos usuarios teñen 6 ou máis megas e ata un 31,4 por cento teñen 3 megas de velocidade de conexión, a opción máis predominante.
- A pesares do optimismo dos datos anteriores, son máis os internautas que consideran un problema o custe de acceso (49,5 por cento) así como a velocidade de Internet (54,5 por cento).
- No tocante ó gran problema do spam, no último ano reduciuse a súa presenza ó incrementarse lixeiramente a porcentaxe de usuarios que empregan filtros antispam (77,9 por cento).

PUBLICIDADE