4G: se nada cambia, a telefonía móbil actual máis rápida do mundo

martes, 10 de setembro do 2013 Redacción

Publicidade da tecnoloxía móbil da man de Vodafone

Para estar á última sobre tecnoloxía móbil hai que ser máis rápido que o raio pois no eido das telecomunicacións a velocidade é sinónimo de mobilidade, unha espiral que non remata nunca e que xira sempre na mesma dirección: a da velocidade, capacidade que semella ser o motor polo que se rexe todo. Na vida cotiá non hai nada que permaneza, todo está en continuo cambio e a tecnoloxía móbil non ía ser menos, pois sometida como está ao ritmo apresurado dos ávidos consumidores de telefonía, a demanda do máis e mellor fai que xa se albisque a chamada 4G. Dende estas páxinas de Código Cero tentaremos explicar polo miúdo a que nos referimos cando falamos de 4G, que achega de novo, que vantaxes ten...
Vodafone anunciou xa a dispoñibilidade dun servizo comercial 4G a gran escala para sete cidades españolas a partir de maio e arestora, mentres o lector le estas liñas, ultima o desembarco en oito máis (incluídas A Coruña e Vigo). Axiña se unirán á listaxe de redes LTE Orange e Yoigo, será despois do verán. Perante este panorama de innovación no eido das telecomunicacións, preguntaranse moitos de nós, se cadra os que só lemos as entradiñas das informacións TIC e sen meternos moito no miolo, que é iso do 4G (tamén coñecido como LTE)? Pois segundo nos conta a Wikipedia, baixo estas siglas empregadas para referirse á cuarta xeración de tecnoloxías de telefonía móbil atopamos a sucesora das tecnoloxías 2G e 3G, a predecesora da vindeira xeración 5G (velocidade de descarga 10 veces máis rápida que a de 3G). A 4G está baseada ao 100% no protocolo IP, sendo un sistema de sistemas e unha rede de redes, que se acada grazas á converxencia entre as redes de fíos e e as redes sen fíos. Esta tecnoloxía poderá ser empregada por módems sen fíos, móbiles intelixentes e outros dispositivos móbiles. A principal diferenza coas xeracións anteriores é a capacidade para prover velocidades de acceso maiores de 100 Mbps en movemento e 1 Xbps en repouso, mantendo unha calidade de servizo (QoS) de punta a punta de alta seguridade que permitirá achegar servizos de calquera clase, en calquera intre e lugar co mínimo custo posíbel. O 4G, segundo as pretensións do WWRF (Wireless World Research Forum), é unha fusión de tecnoloxías e protocolos, non só un único estándar, semellante a 3G, que arestora inclúe tecnoloxías como o son GSM e CDMA. A xeito de curiosidade, dicir que a empresa NTT DoCoMo en Xapón, foi a primeira en realizar experimentos coas tecnoloxías de cuarta xeración, chegando aos 100 Mbps nun vehículo a 200 quilómetros por hora. Foi esta marca a que lanzou os primeiros servizos 4G baseados en tecnoloxía LTE, alá por decembro de 2010 en Toquio, Nagoia e Osaca. No resto do mundo agárdase a súa introdución no ano 2020.
Un achegamento á tecnoloxía G: os precedentes da 4G
O sistema de conexión da telefonía celular G viuse sometido a un continuo cambio e evolución que foi parello á evolución tecnolóxica dos propios teléfonos móbiles, cuxo proceso vai ligado a xeracións de acordo aos avances achegados. Na actualidade existen catro, lémbranos Rita Conde dende About.com.
· Tecnoloxía 1 G ou de redes análoxicas. Falamos da primeira xeración xurdida a finais dos anos setenta e comezos dos oitenta do século pasado. Esta tecnoloxía -caracterizada por ser analóxica e só para voz- introduciu o uso de múltiples celas e a capacidade de transferir chamadas dun lugar a outro mentres o usuario viaxaba durante a conversa, para o que a torre de cobertura enlazábase cos sitios de células próximas para manter a comunicación. Con todo, a transmisión destas celas era inexacta e tampouco tiña boa calidade de son. A tecnoloxía predominante desta xeración era o Sistema Avanzado de Telefonía Móbil (Advanced Mobile Phone System- AMPS polas súas siglas en inglés), o cal se empregou con maior forza nos Estados Unidos.
· Tecnoloxía 2G ou de globalización dixital. A diferenza da anterior, na segunda xeración todo o proceso é dixital. Pois tanto a 1G como a 2G empregaban sistemas dixitais para a conexión das radio bases coa rede telefónica, pero na primeira delas a transmisión realizábase só de maneira analóxica. Na segunda xeración, tamén se presentaron avanzados teléfonos celulares, con dimensións máis pequenas, que se conectaban con rapidez ao sinal das redes. Neste período, o móbil medrou en popularidade, tamén debido á aparición dos teléfonos prepagamento. Asemade, os usuarios contaban por primeira vez cunha ferramenta moi eficaz para a comunicación: as mensaxes de texto SMS (Short Message Service). Cómpre informar que estes SMS eran posíbeis a través do Sistema Global para Comunicacións Móbiles (Global System for Mobile Communications-GMS), hoxe o estándar máis popular de telefonía celular no mundo, con máis de 3 billóns de usuarios en 212 países. Logo, o servizo de mensaxes de texto estivo dispoñíbel en todas as redes dixitais.
· Tecnoloxía 3G ou de alta transmisión. Antes de chegar á terceira xeración, a telefonía celular dispoñía xa de melloras tecnolóxicas coa 2G, cuxos avances foron modificando o seu concepto. Entón falábase de xeracións 2.5G e 2.75G, que de certo sementaron o camiño para esta 3G, a cal como diferenza básica sobre a anterior era a conmutación de paquetes para a transmisión de datos. Así, coa capacidade de transmisión de voz e datos a través da telefonía móbil, os servizos da terceira xeración permitían ao subscritor a posibilidade de transferir tanto voz e datos nunha sinxela comunicación telefónica ou unha videoconferencia, coma tamén transmitir só datos (sen voz: descargas de programas, intercambio de correos electrónicos, mensaxería instantánea...) e todo cunha velocidade de 384 kbps que posibilitaba mesmo ver vídeos. Con esta transmisión de datos facíase máis doado que os teléfonos celulares de 3G tiveran acceso a conexións de Internet. Alén disto, co desenvolvemento tecnolóxico acadado permitíase a compatibilidade mundial e a coexistencia cos servizos móbiles coas redes de segunda xeración. Por se isto non abondase, a 3G aumentaba o grao de seguridade ao autenticar a rede á que se estaba conectando.
· Tecnoloxía 4G, a velocidade. O gran chanzo tecnolóxico que separa á cuarta xeración da 3G radica na eliminación dos circuítos de intercambio, para empregar só as redes IP (protocolo de Internet), é dicir, aquelas que se producen coa confluencia entre redes de fíos e e redes sen fíos, aptas para celulares intelixentes ou smartphones e módems sen fíos, entre outros. Todos os datos, incluíndo a voz das chamadas, serán transmitidos por intermedio de paquetes conmutados cunha velocidade que estará por enriba de 1 Xbps, amais de contar cun meirande ancho de banda. Con estes valores, a través dun teléfono móbil ou celular, poderase obter unha perfecta recepción para a televisión high definition ou de alta resolución. Para entendérmonos, a maior parte dos móbiles e tablets conéctanse a redes coñecidas como "de terceira xeración" ou 3G, un estándar con máis de dez anos de vida que ha ir evolucionando co tempo e aumentando a capacidade de transmisión de datos para chegar ao nivel requirido polos teléfonos avanzados. O seu sucesor -o LTE ou 4G- amplía a capacidade de transmisión de datos, permitindo conectarse axiña, con velocidades que se moverán entre os 50 e os 150 Mbps. Engadir que se supón que será máis eficiente, contribuíndo a alongar un pouco a autonomía dos gadgets.
Outras dúbidas arredor do 4G
Como toda novidade, a 4G suscita unha chea de preguntas sen resposta que dende Código Cero tentaremos responder. Preguntas, por outra banda, que nós mesmos tivemos que respondernos, botando man por exemplo dos útiles artigos publicados por Ángel Jiménez de Luis en Gizmodo. Unha destas dúbidas refírese a se a 4G está dispoñíbel neste intre, a resposta é que esta tecnoloxía atópase xa en moitos países e algúns dos produtos hoxe en día dispoñíbeis teñen capacidade para conectarse a este tipo de redes. Como algúns dos últimos iPads e iPhones, varios teléfonos de Sony, LG e Samsung... Emporiso, para acceder a este sistema, hai que empregar certas bandas de radio específicas e até agora non existe un acordo sobre en que banda se deben despregar os servizos en Europa. Na actualidade, semella haber un acordo para despregar os servizos de 4G na banda dos 800 Mhz pero... en moitos países europeos esta banda está encamiñada á Televisión Dixital Terrestre. Anúnciase que esta banda ficará libre en 2014 para o uso de redes telefónicas. Namentres, as operadoras que fornecen 4G empregan outras frecuencias menos eficientes pero que permiten despregar xa este servizo. No caso de Vodafone, a empresa lanza o 4G nas bandas de 1.800 e 2.600 MHz. Pola súa banda Orange e Yoigo aproveitan tamén esas bandas e Movistar ten algunhas experiencias piloto en parques industriais e de negocios en 2.600 MHz tamén.
Produtos que serán compatíbeis coa 4G
Na listaxe de compatibilidade coa 4G figuran: Samsung Galaxy S4, LG Optimus G, Sony Xperia Z, HTC One, Huawei Ascend P2, Nokia Lumia 920, Blackberry Q10, iPhone 5 e varios dos últimos modelos de iPad. Dicir que a compatibilidade dalgúns deles dependerá da banda de radio escollida, podendo ser precisa unha actualización de software. Como dato a ter en conta, a oferta comercial deste servizo variará segundo a operadora.

PUBLICIDADE