400.000 reloxos Pebble vendidos nun ano

xoves, 20 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Que o smartwatch Pebble conseguise superar os 10 millóns de dólares na súa campaña de micromecenado converténdose non proxecto de máis éxito en Kickstarter (aínda non superado) non chegaba para confirmar que esta categoría de produtos atendese a unha demanda real do mercado, especialmente despois da tibia acollida que tivo o Samsung GALAXY Gear, pero agora que Google entra neste ámbito con Android Wear (con produtos tan atractivos como o Moto 360) resulta inevitable botar a vista atrás para saber o que está a pasar co que podemos considerar o dispositivo pioneiro desta familia, e podemos quedar abraiados ao coñecer que segundo Eric Migicovsky, director xeral de Pebble, venderon 400.000 reloxos intelixentes no último ano, agardando dobrar vendas en 2014.
O éxito de Pebble non é só que se convertese no estandarte do crowdfunding, senón tamén que tomou unha dirección moi diferente á dos seus competidores, cunha pantalla baseada en tecnoloxía de papel electrónico (o que permítelle unha boa autonomía) e un desenvolvemento aberto de software (que convérteo en practicamente o único smartwatch de sona que funciona para iPhone, aínda que goce de mellores prestacións en dispositivos con Android por mor da maior flexibilidade de tal sistema operativo). Amais, o feito de que mantivese o modelo clásico de plástico (económico) e lanzase un modelo superior de aceiro (que pode pasar por un reloxo de pulso tradicional) dá a entender que este produto aínda ten moita vida por diante, aínda que entendendo que estamos ante un produto dunha empresa modesta, moi lonxe do que Motorola ou Samsung poderán conseguir. O seu grande mérito é demostrar que o seu nicho de mercado existe, e aínda está lonxe da saturación (aínda que continúen as dúbidas de se poderá converterse nun produto de consumo masivo como algúns queren entender). Agora e a quenda de Google para demostrar que a wearable technology chegou para quedar, e que os smartwatches son só a punta de lanza.

PUBLICIDADE