33 empresas innovadoras, creativas e sustentábeis participarán no X Pont-Up Store

xoves, 27 de xullo do 2023 S. P.

Pont-UP Store, xuntanza pontevedresa do emprendemento galego, prepara unha edición especial marcada pola celebración do seu décimo aniversario, na que se mostrarán os modelos de negocio de 33 empresas galegas de ámbitos moi diversos, que destacan pola innovación e a creatividade das súas propostas, pero, sobre todo, “por levar a sustentabilidade na esencia mesma da idea de negocio e por ter liderado feminino na súa maioría”, sinalou a organización (Campus Crea da UVigo).
Como dixemos, van participar nesta edición 33 startups galegas; 32 serán empresas con stand, das que 6 participarán tamén no talent show Pont-Up Exprés, ao que se sumarán outras iniciativas empresariais para completar un total de 7 ideas de negocio que recibirán o feedback do xurado nesta edición, na que, segundo engade a organización, destaca a porcentaxe de emprendementos liderados por mulleres, un 75% do total.
En canto a distribución xeográfica, mantense a tendencia das últimas edicións cunha porcentaxe amior de iniciativas procedentes do rural que alcanza o 55% fronte ao 55% que teñen a súa base nas cidades. Por provincias, un 60% proceden de Pontevedra e o resto repártense entre as provincias de Lugo e A Coruña. Canto aos ámbitos das propostas, o compromiso ambiental está presente en case todas as iniciativas, e mesmo hai varias propostas nas que o cuore do negocio susténtase na responsabilidade social e ambiental. É o caso de Aventura Plástica, un proxecto onde se combinan a educación medioambiental especializada en residuos plásticos coa produción e venda de obxectos plásticos que se reciclan de forma artesanal.
Pola súa parte, Green Impact Soul ofrece un servizo de acompañamento para organizadores de eventos deportivos ao aire libre, co fin de fomentar unha certificación de responsabilidade co entorno e a consolidación duns hábitos relacionados coa economía circular. E no sector dos eventos, aparece a innovadora proposta de Luxsit, que ofrece espectáculos de luces personalizados con enxames de drons sustentábeis como alternativa aos fogos de artificio.
Tamén destaca nesta edición o ámbito das consultorías: SiSubvenciones abre un interesante e útil nicho de mercado para axudar a particulares e empresas coa localización e tramitación de subvencións; Insono acompaña aos proxectos emprendedores a través dun servizo integral para promover a creación, o desenvolvemento e a transformación dos seus negocios; a consultoría de negocios globais Nexus axuda a pemes españolas no acceso a mercados de Latinoamérica.
No ámbito das enxeñarías, Fuocoair desenvolve un novo concepto de aire acondicionado que permite quecer, ventilar e deshumidificar toda a casa de forma simultánea mediante unha sinxela estufa de biomasa; e Naboo Solutions presenta unha aplicación que conecta a empresas de hostelería e distribuidoras para facilitar a realización e a entrega de pedidos.
No apartado do coidado persoal preséntanse dúas marcas centradas na elaboración de cosmética natural: Alloa loita contra a despoboamento do rural a través da creación de coleccións de cosmética natural nas que pon en valor a flora autóctona galega; mentres que Eco Siolaz S.L. crea produtos para as persoas que dispoñen de pouco tempo para aplicar rutinas de coidado da pel. Miraki Home propón produtos de aromaterapia, velas veganas feitas a man e decoración sustentábel para o fogar.
Na vertente educativa, Cousiñas preséntase como unha escola de cociña orientada a todos os públicos, a cooperativa Donde viven los cuentos ofrece un espazo infantil para nenas e nenos de 0 a 9 anos con programación de actividades para toda a familia; e Na Utopía, oferta unha plataforma de obradoiros online integramente en galego.
O sector do textil, os complementos e a decoración volve contar con iniciativas de gran interese, entre as que destacan a de Tombo bags, que confecciona bolsos e complementos a partir de velas de barco reutilizadas; a xoiería artesanal de Ana Freiría elaborada con metais reciclados, como o cobre e o latón, rescatados do sector naval para darlles unha nova vida; ou a marca AOW Surfskate creada por surfers para surfeiros con deseños exclusivos, elaborados de xeito artesanal en madeira de bidueiro e fiberglass. Outras iniciativas neste ámbito son Bela Furtiva, con mobiliario e accesorios nos que se mesturan historias moi enraizadas na cultura galega con vivencias persoais de alcance universal; a marca galega de roupa e pezas de vehículos 5special inspirada nas viaxes, as motos e o surf; Blaurtopías, un proxecto persoal dedicado ao deseño e a artesanía contemporánea a través da ilustración, a serigrafía e a fabricación de pezas cerámicas; Faísca, unha tenda online de xoiería artesanal realizada en arxila polimérica, con unións de ouro de 14k hipoalerxénicas; o obradoiro de sombrerería artesanal Julia Vilariño; os obxectos en madeira creados por Néboa na ría a partir dunha filosofía baseada no disfrute das experiencias diarias con deseños simples, fermosos e funcionais; Sarai Lorenzo Ilustración, con escenas cinematográficas ou inspiradas na nosa propia mitoloxía; ou Vic Art Taller Creativo Soc Coop Galega que elabora artesanalmente obxectos en madeira, papelería creativa para todo tipo de eventos, estampado de produtos ou regalos personalizados.
En canto ao turismo, Barvantia organiza o Camiño de Santiago para autocaravanas, furgonetas camper e todo tipo de vehiculos vivenda. E no ámbito da comunicación, a mercadotecnia e o deseño atopamos a Brétema Studio e La Cuerda Floja.
Por último, o sector da alimentación aparece como un dos máis innovadores a través de proxectos como o de Landratech, que pon en valor o aproveitamento das landras para consumo humano a través de produtos como fariñas, café ou té de elaborados a partir de landras; Outro Conto que entrega a domicilio menús saudábeis e veganos elaborados con materia prima de calidade e proximidade; o espazo gourmet Rural o Urbano que fai propostas orixinais e vangardistas usando produtos gastronómicos tradicionais e de calidade da provincia de Lugo; ou a empresa Zumiño que transforma mazás de cultivo ecolóxico en zumos 100% naturais.

O talent show do emprendemento galego

O Pont-Up Exprés, perfílase un ano máis como unha das actividades máis atractivas do encontro, que facilita o achegamento e o diálogo entre persoas emprendedoras e o tecido empresarial galego cun “formato dinámico e áxil” e a través de pitchs ou presentacións de cinco minutos de duración, segundo explica a organización, que engade que ao final da exposición de cada proxecto as persoas escoitantes darán un feedback e farán unha valoración a partir dos criterios relacionados coa súa experiencia e sector de actividade.
Como cada ano, o talent show do emprendemento galego, permitirá a 7 iniciativas empresariais presentar os seus proxectos a un xurado integrado que nesta edición estará integrado por Luis Lopez-Boado Prieto, director xeral Pereira Productos del Mar; Xosé Lois Lamazares Vence, coordinador xeral de Daveiga Producións; Maite Rodríguez Calabria, responsábel de deseño en FINSA; e Ana Olveira Blanco, socia de Abeluria S. Coop Galega e presidenta da Unión de Cooperativas Espazocoop. As empresas seleccionadas nesta edición son a marca galega de roupa e pezas de vehículos 5special, onde as viaxes, as motos e o surf son a base da inspiración; o espazo infantil Donde viven los cuentos, Soc. Coop. Gal. para nenas e nenos de 0 a 9 anos con actividades para toda a familia; o proxecto Landratech que pon en valor o aproveitamento das landras ou belotas para consumo humano a través de produtos como fariñas, café e té fabricados a partir de landras; a empresa de desenvolvemento de software Lareira Digital, focalizada no software aberto e libre así como noutras áreas de desenvolvemento coma hardware, IoT, videoxogos, etc; a innovadora proposta de Luxsit que crea espectáculos de luces personalizados con enxames de drons sustentábeis como alternativa aos fogos de artificio; os produtos de madeira creados por Néboa na ría para un estilo de vida sinxelo e pausado; e as creacións de Tombo bags, onde deseñan e confeccionan bolsos e complementos a partir de velas de barco reutilizadas.
En anteriores edicións o Pont-Up Exprés para iniciar colaboracións empresariais e joint ventures tanto no ámbito público como no privado e, sobre todo, axudou ás equipas de cada empredemento participante a pulir e mellorar as súas ideas de negocio e a conversión do seus productos e servizos.

Dez anos apoiando ideas emprendedoras

Pont-Up Store xurdiu no 2014 no marco da Conferencia Ibérica para o Emprendemento (CIEM) que se celebrou en Pontevedra no mes de outubro, e que partía dunha iniciativa da Universidade de Vigo (Vicerreitoría do Campus de Pontevedra) e do Grupo de investigación G4 PLUS de Desenvolvemento Estratéxico: organizacións e territorios no marco do Campus CREA da Universidade de Vigo. Concibiuse xa dende o principio como “un evento multisectorial, aberto a toda a cidadanía cuxo obxectivo é o apoio ao emprendemento e o incremento da cultura emprendedora na sociedade”.

PUBLICIDADE