300 millóns de euros para a Rede do futuro en Europa

mércores, 4 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

A Comisión Europea está a centrar unha boa parte dos seus esforzos na consecución dunha Rede máis completa e universal, ferramenta de primeira orde para deixar atrás a crise de maneira definitiva. Para este efecto, vai destinar 300 millóns de euros para o desenvolvemento da plataforma Internet do Futuro, encamiñada a favorecer o medre de novos produtos, servizos e accesos no ámbito da Unión Europea, amais de impulsar o número de cousas que poderemos facer a través da Rede.
O programa porase en marcha a través dunha alianza entre institucións públicas e empresas, sendo oito os eidos de actuación prioritarios, apoiados á súa vez en tres grandes piares: a telefonía, o software e os servizos. O orzamento que achega a UE, os devanditos 300 millóns, terán o seu complemento nunha cantidade equivalente que procederá dos centros de innovación e das empresas que se impliquen na iniciativa, arestora arredor de 150.
A plataforma Internet do Futuro sostén unha boa parte do seu potencial nas previsións a curto e medio do sector tecnolóxico-dixital, que se nada cambia achegará case o 6% do PIB europeo para dentro de tres anos, porcentaxe que se irá incrementando (e moito) a medida que pasen os anos. Os eidos de actuación que máis centrarán a actividade do programa son a mobilidade, o aforro de enerxía e os servizos sanitarios. Asemade, farase fincapé na mellora das conexións a Internet, que terán máis presenza e máis capacidade, co fin de dar acubillo á demanda crecente no fluxo de datos, presente e futura. De feito, o fluxo de datos increméntase un 60% con cada ano que pasa.

PUBLICIDADE