3 millóns de sinaturas para pedir o cambio do canon dixital

mércores, 20 de maio do 2009 Marcus Fernández

Representantes da plataforma Todos contra el canon nunha fotografía publicada por El Mundo

A plataforma Todos contra el canon rexistrou hoxe no Congreso dos Deputados un escrito asinado por 3 millóns de cidadáns solicitando que se debata unha proposta de solución «máis xusta e equitativa para compensar aos actores pola copia privada que se fai das súas obras». O texto vai acompañado por unha proposta de solución ao canon dixital que pasaría por «aplicar directamente a compensación do dereito de copia privada sobre a obra que o xera», o que beneficiaría tanto a cidadáns como a creadores, sen vulnerar os dereitos destes colectivos.
O canon dixital non só introduce un sobre custo en equipos e soportes (que nalgún caso supera o 50% do prezo do produto ao que se impón), senón que a súa aplicación na Unión Europea non é uniforme, e conta con casos nos que é claramente inxusto (como no seu cobro tanto para compañía audiovisuais que gravan contidos propios como para uso profesionais nos que os soportes nunca se empregan para o almacenamento de contidos audiovisuais).
Dende a plataforma tamén aseguran que o regulamento actual do canon dixital «prexudica a máis do 97% dos autores e creadores, que pagan máis que a compensación que reciben a cambio».

PUBLICIDADE