2Mares presenta o seu servizo Intellixente nunha das principais citas estatais do comercio electrónico
luns, 1 de abril do 2013
O servizo galego
Intellixente, recoñecido
na pasada Noite Galega das Telecomunicacións e dirixido a
favorecernos ao máximo o posicionamento da nosa marca nas redes
sociais (amais da relación cos nosos clientes), vai estar presente,
os días 24 e 25 de abril, nunha das principais citas españolas en
materia de promoción, publicidade e actividade comercial en liña.
Falamos de OMExpo
Madrid 2013, a desenvolver no recito Feira de Madrid de xeito
simultáneo a EXPOE-commerce España. As dúas citas, como
lembraremos, reúnen na capital do Estado ás principais empresas e
tendas en liña cos seus provedores de comercio electrónico en
cadansúa categoría (tecnoloxía, guías de compra, loxística,
promoción, relación co cliente, transaccións financeiras, aspectos
legais e servizos engadidos).
O servizo
Intellixente, tal e como sinalamos no seu día, vén da man da
firma galega 2Mares. Trátase, basicamente, dun recurso tecnolóxico
para escoitar, de verdade e sen filtros nin intermediacións, a voz
do noso cliente. A ferramenta ten un combustíbel de seu: os
milleiros de opinións persoais que se verten nestes servizos de
participación, en calquera das súas moitas feituras e marcas, das
que Intellixente se nutre para avaliar a posición que ten unha
empresa entre a sociedade, neste caso a sociedade 2.0, reflexo en boa
medida fiel da anterior, aínda que con engadidos. A firma 2Mares
destacou con motivo da súa presentación oficial que con este
proxecto o que se desexaba era achegar algo verdadeiramente útil
para facer doado e accesíbel o que en moitas ocasións se presenta
como caro e complexo: escoitar ao cliente. “Intellixente”,
informou no seu día a entidade con sede en Vigo, “é unha
solución segura e fiábel que en cinco pasos facilita entender ao
cliente e usar a súa voz como material de aprendizaxe organizativo
para a mellora de procesos; permitindo mellorar de xeito práctico e
eficaz a súa escoita activa”.