24 novas institucións súmanse ao Nodo Galego de Ciberseguridade

mércores, 12 de maio do 2021 Redacción

A Comisión de Seguimento do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal aprobou hoxe a incorporación de 24 institucións públicas e privadas de Galicia a este órgano promovido pola AMTEGA.
Dende a súa creación, en xullo de 2020, o Nodo estaba formado, ademáis de pola Amtega, polo Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as Deputacións Provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).
O obxectivo das entidades que conforman o Nodo é o de facer fronte á crecente ameaza que supoñen os ataques cibernéticos e aproveitar as oportunidades que presenta a nova era dixital.
Neste contexto, a Xunta de Galicia convocou a segunda reunión da Comisión de Seguimento do citado espazo de cooperación que se celebrou o mércores 12 de maio.
Coa sinatura da súa constitución formouse o núcleo fundacional do Nodo, pero o obxectivo era abrilo á adhesión doutras entidades tanto públicas como privadas e convertelo nun aglutinador de iniciativas de ciberseguridade en Galicia.
As entidades para as que se aprobou a súa adhesión son 14 empresas tecnolóxicas: 3 empresas relacionadas cos aspectos xurídicos vencellados á ciberseguridade; 4 institucións de investigación e coñecemento, e outras 3 doutros sectores de actividade. Todas estas entidades aportarán recursos que, coordinados de xeito adecuado, contribuirán á loita contra as ameazas cibernéticas e axudarán no aproveitamento das oportunidades desta nova era dixital.
Nesta segunda reunión da Comisión de Seguimento, informouse da continuidade de accións na liña das emprendidas nos últimos meses, como son a realización dun evento galego de ciberseguridade, o establecemento de colaboracións e asociacións con entidades ou iniciativas relevantes neste eido tanto a nivel nacional como internacional, ou a axuda ás empresas para apoiar o crecemento do sector da ciberseguridade en Galicia.
Foron tamén comunicadas aos socios do nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal as medidas de apoio que executará no curto prazo a Xunta de Galicia para axudar a impulsar o ecosistema galego de ciberseguridade, como son a construción dun edificio para o Centro de Ciberseguridade de Galicia en Santiago de Compostela, na Cidade de Cultura de Galicia; ou a publicación dun Acordo Marco de servizos de ciberseguridade destinados a cidadanía, as empresas e á administración pública galega.

PUBLICIDADE