2,4 millóns de euros para impulsar o acceso á Rede do rural galego máis afastado

martes, 17 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Rosa Quintana e Mar Pereira durante o acto de sinatura do convenio, esta mañá en Tordoia

A nosa terra nunca foi doada para a universalización do acceso en boas condicións á Sociedade do Coñecemento. Isto percíbese principalmente en áreas como Os Ancares, O Courel ou o Macizo de Ourense, pero tamén en zonas da provincias atlánticas. O espallamento xeográfico unido a unha xeografía que en determinadas áreas de montaña non permite a aplicación das infraestruturas que decote se usan nas vilas e nas cidades, contribuíron ao longo dos anos a agravar o problema. Na liña de pórlle solución, Medio Rural e AMTEGA asinaron este martes un convenio para desenvolver actuacións que permitan levar Internet “á poboación das zonas con máis dificultades de cobertura”. A tecnoloxía a empregar será a vía satélite.
Cun investimento de 2,4 millóns de euros en tres anos, “facilitarase o acceso a Internet vía satélite ao 6% dos galegos que non poden dispor deste servizo a través doutras tecnoloxías e nun programa de axudas para que as microempresas do rural implanten as TIC no modelo de negocio”, informaron a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) que dirixe Mar Pereira e máis a Consellería de Medio Rural, con Rosa Quintana á fronte. Segundo fixo saber esta última, a colaboración entre as axencias AGADER e AMTEGA representa un paso máis na equiparación da calidade de vida entre o rural e as contornas urbanas, unha medida que contribuirá a frear o despoboamento das nosas zonas máis afastadas, tanto de persoas como de empresas. Para Mar Pereira, a sinatura deste acordo supón unha “mostra máis do compromiso do Goberno autonómico para dar cumprimento a tódalas actuacións do Plan de Banda Larga e así, contribuír á implantación das infraestruturas de telecomunicacións precisas para ter á cidadanía galega conectada en condicións de responder ás necesidades da Sociedade da Información”.
Pereira e Quintana tamén debullaron perante os medios o orzamento previsto, un total de 2,4 millóns en tres anos, dos cales máis de 1 millón destinarase á conexión á Rede vía satélite e a contía restante ás axudas a microempresas emprazadas no eido rural co fin de axudalas a integrar as novas tecnoloxías da información no seu seo Estas axudas están destinadas a empresas de menos de 10 empregados e autónomos dos principais sectores de transformación e comercialización de produtos do rural para equipamento tecnolóxico e instalación de hardware e software específico como programas para o traballo en rede, facturación, contabilidade, deseño específico, comercio electrónico, etc.
Coa aprobación deste acordo, engadiron, iníciase o procedemento para lanzar a sexta e última liña do Plan de Banda Larga, que a día de hoxe, sinalaron, “reduciu a poboación sen cobertura en Galicia nun 61% respecto a 2009”. O obxectivo é que coas cinco actuacións postas en marcha equiparase de acceso á Rede ao 94% da poboación en 2013, “o que supón que 2.632.000 galegos contarán con cobertura de banda larga”.
O 6% restante, que engloba a 168.000 galegos, será “obxectivo desta nova actuación, destinada ás zonas máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet e só e posible vía satélite”.
Esta acción, matizaron, é xa unha realidade en virtude de colaboración entre a Axencia AMTEGA, que realiza labores de asesoramento e de apoio técnico e loxístico nas accións a realizar e de AGADER, que financia as actuacións deste acordo.
Máis axudas antes do verán
Asemade, cómpre informar que antes do verán publicarase unha convocatoria de axudas das que poderán ser beneficiarios os cidadáns, as pequenas e medianas empresas (PEME) e máis as entidades sen animo de lucro con enderezo en Galicia que non poidan dispor de acceso de banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. “A subvención”, explicaron, “sufragará os gastos de instalación e equipamento para poder acceder ao servizo de conexión a Internet vía satélite”.
As axudas tramitaranse a través das empresas provedoras do servizo de Internet vía satélite acreditadas como entidades colaboradoras pola Xunta. Estes apoios, sinalou Mar Pereira, van permitir a redución do atranco económico que lles supón a moitas das ditas entidades a contratación do servizo de acceso, “constituíndo unha medida precisa para seguir axudando aos menos favorecidos e así garantir a igualdade de oportunidades no acceso á información”.
Cifras sobre o acadado
Dous anos despois da súa posta en marcha, sinalou a directora de AMTEGA, o Plan de Banda Larga “dotou de cobertura a máis de 460.000 habitantes dos 786.000 que carecían deste servizo en 2009, é dicir preto do 60% dos galegos sen posibilidade de acceso á Rede”. E engadiu: “En 2011 o Plan permitiu que a porcentaxe de galegos con cobertura de banda larga chegase a preto do 90% fronte ao 70% existente en 2009”.

PUBLICIDADE