102 millóns de usuarios acceden a Facebook só dende o móbil

mércores, 1 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Un informe trimestral de Facebook, Inc. ante a Securities and Exchange Commission (SEC) dos EE.UU. achega interesantes datos estatísticos sobre a evolución da plataforma social creada por Mark Zuckerberg, que está a medrar de xeito significativo entre os usuarios móbiles, o que queda plasmado no feito de que xa haxa 102 millóns de persoas que acceden a Facebook unicamente dende o móbil, o que supón un incremento trimestral do 23%, o que explica por qué a compañía está a reorientar o seu negocio para adaptalo de xeito eficiente a este tipo de público ao que actualmente a publicidade non está a chegar como sería desexable para o mercado.
No documento tamén se reflicte que, aínda que Facebook só conseguise medrar un 10% nos EE.UU. durante o último ano (chegando aos 168 millóns de usuarios), hai países nos que o crecemento é moito máis significativo, de xeito que no Brasil medrou un 146% chegando aos 54 millóns de usuarios, e na India o incremento de usuarios anual foi do 48%, chegando aos 59 millóns. Temos así que nos mercados emerxentes Facebook está a ter unha evolución moi boa, aínda que, por desgraza para a compañía, iso non mellora o seu balance de contas, porque os usuarios neses territorios resultan pouco rendibles (non permiten a súa monetarización precisamente por pertencer a mercados pouco maduros).

PUBLICIDADE